Un aparatoso incendio na torre de refrixeración da fábrica de ENCE, fixo saltar esta mañá as alarmas entre a poboación da comarca. Trátase dun incendio que se produce no contexto dunhas obras que carecen de licencia municipal e que foron denunciadas no seu día pola APDR diante do Concello, que confirmou este particular e abriu o correspondente expediente administrativo.
A presenza de material plástico (poliester), as dimensións do incendio e a proximidade ás instalacións nas que se desenvolven as actividades industriais da empresa, fixeron tomar a decisión de desaloxar a fábrica. Como ocorre sempre nestas ocasións, ENCE restou importancia aos feitos; “trátase dun silo que xa non se utiliza no proceso fabril, moi escandaloso pola importante fumareda negra, pero sen máis consecuencias”. Minimiza a importancia das lapas e da posíbel incidencia do fume no medio ambiente, un fume no que se transportan derivados organohaloxenados, entre eles as coñecidas dioxinas, que teñen unha forte incidencia na saúde das persoas.
Pero, máis alá da transcendencia que poida ter este feito puntual, ponse en evidencia máis unha vez o perigo que supón para a poboación da comarca e para o medio ambiente, convivir cunha fábrica que non só está a contaminar as augas da Ría e o ar que respiramos e a destruír os nosos recursos económicos, senón que atenta contra a integridade da cidadanía en xeral e a dos seus traballadores en particular.
Accidentes coma este, deixan en evidencia tamén, a inexistencia -na práctica- dun Plan de Emerxencia Exterior que protexa á poboación no caso dun accidente de maior gravidade e xustifican máis -se cabe- a esixencia da eliminación da fábrica do seu actual emprazamento.
Desde a APDR, denunciamos o papel que xoga a Xunta de Galicia na permanencia de ENCE na Ría, que pecha os ollos a esta realidade e facilita coas sucesivas resolucións administrativas todas as esixencias da dirección da empresa, concedendo todas as licencias ambientais sen ter en conta sequera os incumprimentos da lexislación galega, española e europea en materia de vertidos e que legaliza todas as obras que ENCE realiza no recinto fabril, mesmo sen que estas teñan a preceptiva licencia municipal.
Ao tempo, chamamos a atención do PSOE, que debería actuar coherentemente e dar resposta inmediata desde o goberno do Estado, ben pola vía administrativa, ben pola vía xudicial, e impedir que a bochornosa e irregular prórroga concedida a ENCE polo Partido Popular, siga adiante por máis tempo.
POLO PERIGO QUE SUPÓN PARA A CIDADANÍA
POLA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DA ECONOMÍA DA COMARCA
ENCE FÓRA DA RÍA XA!!!
HOXE 5 DE DECEMBRO, ÁS 21 HORAS CONCENTRACIÓN NA PRAZA DA PEREGRINA!!!
Ver abaixo fotos da concentación na Peregrina:
Ver abaixo vídeos do incendio: