A APDR denuncia o comportamento cínico da dirección de ELNOSA


hoxe.elnosaA empresa ELNOSA, que incumpriu sistematicamente a lexislación ambiental, que foi condenada xunto a ENCE pola comisión dun delito ecolóxico e por danos continuados á saúde das persoas, e que sempre se negou a modificar a súa tecnoloxía incumprindo todos os pactos asinados coa administración, pretende responsabilizar agora da súa mala xestión ao Concello de Pontevedra.

Pero lonxe de ser un problema para a comarca, o peche de ELNOSA ten que ser o primeiro paso para o peche do complexo industrial de Lourizán e, xa que logo, para o inicio dun futuro baseado na explotación racional dos recursos marisqueiros e turísticos da Ría, e das potencialidades dos nosos montes, hoxe practicamente limitados ao cultivo de eucaliptos para ENCE. Trátase dunha reivindicación da inmensa maioría da poboación, que desde sempre opúxose á súa permanencia na Ría; dunha loita constante na comarca que, desde hai 30 anos, ven liderando a Asociación Pola Defensa da Ría e que empeza a dar os froitos desexados.

E os únicos responsábeis da perda dos postos de traballo en ELNOSA son os directivos da empresa (que nunca tiveron a creación de emprego entre as súas prioridades) e os propios traballadores/as que, cos sindicatos á cabeza, fixeron o traballo sucio dos empresarios, loitando pola defensa dos intereses de ELNOSA sen esixirlle solucións que posibilitaran o mantemento dos postos de traballo.

Para a APDR o peche de ELNOSA é unha boa noticia, e non responde a razóns políticas; hai tempo que ELNOSA tiña que estar pechada por motivos ambientais, económicos e de saúde, e só o interesado trato de favor da Administración galega atrasou este final. E non se pode defender a súa permanencia na Ría co argumento da defensa dos postos de traballo. Primeiro, porque unha cousa é defender o dereito a traballar, e outra ben distinta defender uns poucos postos de traballo que entran en contradición cos postos de traballo da Ría; pero tamén, porque eses postos de traballo poñen en perigo a saúde das persoas, a calidade das augas da nosa Ría e o futuro económico da nosa comarca.

A APDR esixe ao Goberno español que decrete a extinción da concesión de ELNOSA nos terreos de dominio público que hoxe ocupa, que cumpra a Lei e tome posesión das instalacións da fábrica en Lourizán, e esixa aos responsábeis da fábrica de cloro que eliminen o mercurio dos solos e augas contaminadas con este perigoso metal pesado e cumpran coa súa obriga de deixar a zona que agora ocupan tal como a recibiron cando chegaron a Lourizán nos anos sesenta do pasado século.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print