A APDR pide ao Concello e á Deputación que non copatrocinen actividades con ENCE


montaxe.estatuas.prorrogas.NON.GRAZAS.Anulacion.13.07.2018.apdr-a

Nos últimos días na APDR tivemos coñecemento de dúas actividades coas que Ence colabora, supoñemos que economicamente, dentro da súa campaña de compra de vontades e de silencios, a única forma que a pasteira ten de tentar invisibilizar o conflicto que mantén coa veciñanza de Pontevedra e da comarca. Nada novo nin nada que desde a APDR non teñamos denunciado xa, alá a conciencia de quen acepta a “axuda” intereseira de Ence…

Falamos de eventos como o Torneo internacional de Tenis do Casino Mercantil e a Semana da Ciencia organizada pola Misión Biolóxica/CSIC.

O sorprendente é que estas dúas actividades teñen en común, ademais do sinalada colaboración de Ence, o feito de contaren tamén coa axuda de institucións públicas. No primeiro caso o patrocinio do Concello de Pontevedra e a colaboración da Deputación. No segundo, a colaboración da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (dependente da Deputación) nun evento organizado polo CSIC, un organismo público dependente do Goberno central.

No seu momento, ante o inicio da descarada campaña de compra de vontades, desde a APDR chamamos às institucións públicas a non colaborar en ningún momento con Ence e a retirar o seu apoio económico e de calquera tipo a aqueles eventos nos que Ence colabore, e a que fixesen saber a persoas, asociacións, empresas, clubes, etc que deixarían de colaborar con quen acepte participar no lavado de imaxe da empresa.

Pode ser que o Concello e a Deputación non tivesen coñecemento de que estes eventos serían parte da campaña de branqueamento de Ence, da súa contaminación na nosa Ría e da eucaliptización do país; mais agora xa o saben e desde a APDR consideramos que deben retirar calquera tipo de colaboración mentres esta situación se manteña. Non podemos normalizar a campaña de compra de vontades de Ence, nin aceptar a súa prepotencia e o seu aproveitamento hipócrita das necesidades económicas de asociacións e entidades sociais.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print