A APDR alega contra un novo emisario


emisario2

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) presentou o pasado venres día 2 de novembro alegacións ao novo emisario que levaría as augas residuais urbanas dos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio e parte de Vilaboa desde a saída da EDAR de Os Praceres ata o entorno das praias de Portocelo, Aguete e Mogor, onde se situaría a zona de difusores do novo emisario; con afección para o marisqueo e o baño”.

Para a APDR, o sometemento á información pública dun anteproxecto de emisario que vén condicionado pola existencia dunha nova EDAR “con maior capacidade que a actual” e da que non se coñecen características nin anteproxecto, é absolutamente rexeitábel. Neste sentido, nunha primeira alegación “de carácter xeral e previo”, esixe a retirada do anteproxecto, o sometemento á información pública da nova EDAR e, caso de seren aceptada, a posta á información pública do anteproxecto do novo emisario. Trataríase dunha “emenda á totalidade” do anteproxecto agora presentado.

Ao marxe desta emenda, a APDR presenta un bloque de quince alegacións que abordan aspectos concretos da memoria-anteproyecto do emisario e que implican a modificación de moitas das decisións e propostas presentadas na mesma. Para a APDR, a falta de calidade da Memoria, que non xustifica debidamente moitas das decisións adoptadas (o punto final de vertido, o caudal diario punta total, o caudal de deseño de 2000 L/s, o volume de augas pluviais que se estima van entrar no emisario) e o xeito incorrecto no que se realiza o modelo de dispersión da contaminación, por considerar só a persistencia dos coliformes sen teren en conta nin a doutras bacterias máis persistentes, nin a contaminación orgánica ou a provocada polos nutrientes (nitróxeno e fósforo, fundamentalmente), invalidan a Memoria e xustifican moitas das alegacións presentadas pola asociación.

Debemos ter en conta, ademais, que os problemas da Ría, tanto no que fai á calidade das augas como á sanción imposta pola Unión Europea, veñen dados polo incumprimento da Directiva 91/271/CE, que ten que ver coa contaminación por materia orgánica e por nutrientes, e non coa bacteriolóxica. Neste sentido, os modelos realizados pola empresa para o deseño do emisario e do seu trazado, non teñen en conta a realidade da situación e as posibilidades certas de eutrofización das augas da Ría.

Fronte á filosofía de “curarse en saúde e levar as augas o máis lonxe posíbel” que se agocha na Memoria, apostamos por sistemas de saneamento separativos e non unitarios, pola intervención na rede de saneamento, garantindo a estanquidade e eliminando moitos dos caudais que agora chegan á EDAR (auga salgada, da choiva, de mananciais,…) e pola realización de campañas de concienciación sobre o consumo responsábel da auga; así mesmo, por garantir a depuración das augas que chegan á EDAR, de tal xeito que ao saír cumpran de forma estrita a lexislación de aplicación ás augas residuais urbanas, ás augas de cultivos mariños e ás augas de baño.

Non podemos dar por boa a decisión de considerar, “a priori”, que o emisario vai recoller as augas residuais dos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio e parte de Vilaboa, sen considerar ningunha outra alternativa como a posibilidade de construír novas EDAR en Marín, Poio, Vilaboa ou o Porto de Marín, unha decisión que non responde a criterios técnicos, senón a criterios económicos ou políticos. O feito de que as redes de saneamento estean dirixidas cara á EDAR de Os Praceres, que evidentemente é un importante obstáculo, non supón un impedimento técnico que impida outras alternativas a unha EDAR única.

E resulta absolutamente inadmisíbel, por inxustificado, que o novo emisario non vaia tratar as augas residuais da empresa Ence; en efecto, a razón que xustifica a construción dun novo emisario (a afección dos vertidos actuais sobre as bateas, as augas da Ría e o litoral da illa de Tambo) non é obstáculo para permitir que ENCE continúe a verter nese punto a súa importante carga de materia orgánica, de nutrientes e de bacterias fecais. E non se xustifica esta decisión en base á falta de capacidade do novo emisario, xa que o actual (con menor capacidade teórica que este) tiña suficiente capacidade para facelo, e non se pode esquecer que ENCE vai reducir o seu caudal de vertido, pasando dos 35.000 m 3 /d aos 4.000 m 3 /d como resultado do compromiso adquirido co Estado a cambio da prórroga. En todo caso, a falta de capacidade será da EDAR, non dos emisarios, nin do novo nin do actual!

Pero, ademais, o novo emisario vai ter unha importante afección sobre os bancos marisqueiros da Ría; de feito, o tubo emisario vaise soterrar baixo o banco marisqueiro GAL 10/8 de Os Praceres, atravesar os bancos marisqueiros PO-022-I e PO-022-II de Os Praceres e o PO-23 de Lourizán, que se van ver afectados na construción dun tramo de 500 m mediante microtunel e no momento de instalación da tubaxe, que vai ir nunha gabia; e tamén se van ver afectados durante as obras de instalación (nun tramo de 300 m) os bancos marisqueiros de navalla en Lourizán (PO-070-I e PO-070-II) e longueirón, os PO-071-II e PO-071-III, o que vai provocar dispersión de materiais e, xa que logo, afección sobre os recursos naturais noutras zonas máis aleixadas. E debemos sinalar que a parte final do emisario, a que leva os difusores, vaise pousar sobre un banco de marisqueo a flote de ameixa e fronte ás praias de Portocelo, Aguete e Mogor, afectando á calidade das augas de baño nesa zona.

E, xunto ao emisario, unha segunda infraestrutura (un edificio de 19 m x 13,30 de planta e unha altura sobre o nivel do terreo de 7,40 m), que albergaría no seu interior a cámara de carga e a estación de bombeo, cun importante volume soterrado de muros de formigón, e que se remataría en superficie con formigón e paneis de aceiro microperforados, viría ocupar un dos poucos espazos existentes na zona desde os que aínda se pode ver o mar, provocando molestias á veciñanza e afectando a aqueles edificios singulares máis cercanos e a moitas casas da zona.

Finalmente, na APDR preguntámonos se realmente é necesario este novo emisario, xa que, de feito, de terse en conta as medidas propostas pola APDR, que garantirían un caudal axeitado na EDAR e o cumprimento da lexislación das augas residuais que saen da mesma, poderíase seguir usando o actual emisario, ou mesmo “construír” un novo emisario utilizando a primeira parte do actual, ata a illa de Tambo, e prolongándoo logo cara ao Porto de Marín. Evitaríase así o enorme gasto que supón construír este novo emisario e, ao tempo, moitas das afeccións sobre os bancos marisqueiros e as augas de baño que, con seguridade, vanse producir.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print