11 de agosto: Manifestación antitouradas. Pontevedra sen sangue


IMG-20180811-WA0018

Un ano máis a Asociación pola Defensa da Ría, xunto a un centenar de colectivos,  apoiou á manifestación convocada por Touradas Fóra de Pontevedra por “unha Pontevedra sen sangue“, reclamando o fin do convenio entre o Concello de Pontevedra e os propietarios da Praza de Touros, e a modificación da Lei de Benestar Animal para conseguir a abolición das touradas en Galiza.

Máis dun milleiro de persoas participaron na manifestación amenizada polos cánticos marchosos e reivindicativos das batulilas (batuqueiras feministas), o texto do manifesto foi lido por Begoña Llacer Moreno, filla de María Victoria Moreno, continuando así co legado da súa nai, unha muller amante dos animais e activista, nun tempo no que o movemento abolicionista inda non era visíbel na nosa cidade.

  • Ver abaixo VÍDEO (publicado por David Otero) cos primeiros grupos de persoas saíndo no comezo da Manifestación Antitouradas do 11 de agosto en Pontevedra:

  • Ver abaixo pequeno VÍDEO da Mani: A tortura, nen arte nen cultura !!
  • Ver abaixo pequeno VÍDEO da Mani (as “batulilas” en acción): Nen Touradas, nen Convenio !!
  • Ver abaixo pequenos VÍDEO da Mani: presentación de Begoña LLacer Moreno, filla de María Victoria Moreno, que coa a súa presencia e a lectura do manifesto continua así co legado da súa nai, unha muller amante dos animais e activista, nun tempo no que o movemento abolicionista inda non era visíbel na nosa cidade.
  • Ver VÍDEO coa lectura do MANIFESTO de Touradas Fóra de Pontevedra ao remate da manifestación por Begoña Llacer Moreno e a súa filla María Victoria en: https://www.facebook.com/274485385946654/videos/1908471632548013/

 

 

  • Ver abaixo o Manifesto lido ao remate da mulitudinaria manifestación:

Boa tarde amigas e amigos!

Outro ano máis témonos que ver nas rúas de Pontevedra, nesta praza da Peregrina. Está claro que non é por unha circunstancia feliz… estamos aquí porque, infelizmente, varios touros van ser sacrificados de novo durante a feira taurina que se fai coincidir coas festas da cidade. Unha barbaridade innecesaria e cruel que nos causa tristeza e nos produce raiba. Mais tamén estamos aquí porque non nos rendemos, nin queremos ollar para outro lado diante de inxustizas como esta, e non estamos dispostas a toleralas. Xuntámonos aquí hoxe porque queremos poñer as bases da abolición das touradas e o primeiro paso é, precisamente, unirnos e berrar.

E agora que estamos aquí xuntas, desde Touradas fóra de Pontevedra queremos transmitirvos as seguintes opinións e reflexións:

Para comezar, e como nos temiamos xa o ano pasado, o Partido Popular no goberno da Xunta acabou por aprobar unha Lei de Benestar Animal hipócrita que mantén a excepción das touradas e permite que estas se manteñan no noso país para gosto duns poucos e poucas (moi poucos e poucas) seguidores desa barbaridade e, ante todo, para beneficio de empresarios amigos, do lobby taurino que aquí e en todo o Estado emprega a súa influencia política para manter con respiración asistida o seu negocio decadente…

Como xa dixemos no seu momento, o partido que presume de ser, segundo a súa propaganda, o máis parecido ao pobo galego, non ten problema ningún em afastarse da sensibilidade maioritaria do noso pobo, claramente alleo ao mundo taurino e sen interese polas touradas. Todo con tal de satisfacer intereses moi minoritarios e de impor unha determinada visión ideolóxica.

É por isto polo que desde Touradas fóra de Pontevedra reiteramos o noso rexeitamento á Lei de Benestar Animal e reclamamos a súa modificación para conseguir a abolición das touradas en Galiza.

Para iso nos mobilizamos ano tras ano desde hai unha década. Neste tempo aportamos o noso gran de area para crear consciencia abolicionista, para crear debate social e para facer crecer a demanda social da abolición. Porque queremos un país mellor, e iso tamén inclúe un país sen touradas, sen tortura contra os animais.

E como está claro que o Partido Popular non vai ceder na súa defensa do lobby taurino, terá que sair do goberno galego para conseguirmos a abolición!

Por iso saudamos que recentemente o pleno do Concello de Pontevedra aprobase a moción pola que a nosa cidade se declara contraria aos espectáculos en que se someta aos animais a torturas, maltrato e violencia; unha moción presentada polas compañeiras e compañeiros de Galiza mellor sen touradas.

Parécenos positivo que BNG, Marea Pontevedra e PSOE se poñan de acordo á hora de aprobar esta moción. Mais iso si, despois das declaracións simbólicas queremos feitos materiais; e en Pontevedra o feito material que necesitamos e reclamamos está claro: O FIN DO CONVENIO ENTRE O CONCELLO E OS DONOS DA PRAZA DE TOUROS!

Pasan os anos e nada se fai neste sentido por parte do goberno municipal. Non pode ser que por un lado Pontevedra sexa declarada antitaurina (algo que Touradas fóra de Pontevedra reclamou desde a súa constitución) e por outro se sigan a destinar miles de euros anuais a un convenio que ademais inclúe privilexios no uso do espazo público ou o aproveitamento privado das cantinas da praza no torneo medieval da Feira Franca.

Mais volvamos ollar de novo cara a tauromafia e os seus defensores, porque queremos dicirvos un par de cousiñas…

A primeira ante o suposto argumento de que a “feira taurina”, como denominan a esa barbaridade, xera uns grandes beneficios económicos na cidade que os empresarios locais de hostelaría agradecen (supoñemos que sempre se centran nos beneficios para os empresarios hosteleiros porque da brutal precariedade das traballadoras e traballadores do sector non teñen nada que dicir…).

Señores e señoras taurinas, aínda que ese argumento tivese algo de certo, cousa discutíbel tendo en conta o macro-botellón en que se converte Pontevedra e que en nada beneficia á hostelaría, non consideran que existen ducias e ducias de alternativas bastante máis edificantes que as touradas e que poden atraer millares de persoas á cidade? Seguro que se dedican uns minutos a pensar en alternativas poden sacar varias propostas válidas.

A segunda é unha humilde petición: por favor, deixen de usar en van a palabra liberdade para xustificar o seu gosto polo sofremento animal.

A liberdade que usan como escudo, esa frase que tantas veces se escoita e que di “cada un é libre para ir ou non ás touradas, se non lles gusta que non vaian e xa está” é unha falsa liberdade. É ese mesmo tipo de raquítica liberdade que nos din que temos para escoller entre miles de produtos que nos meten polos ollos coa publicidade ou como a liberdade de escoller entre aceptar un traballo miserábel ou vivir na rúa ou sen os recursos mínimos.

A liberdade vai máis alá desa visión simple e mesquiña. Liberdade é poder vivir sen opresións e sen estarmos rodeadas de inxustizas. Liberdade é poder desenvolvernos plenamente sen ter que loitar contra os nosos semellantes para non ser nós as que caiamos na pobreza.

Vivimos nunha sociedade na que esta Liberdade, a que se escrebe con maiúsculas, destaca pola súa ausencia, así que deixade de lixar unha palabra tan grande usándoa para xustificar algo que se define mellor con outra palabra, unha mais fea e ruín: egoísmo. O voso egoísmo cruel.

A tortura non é arte nin cultura!

Tauromaquia abolición!

Touradas fóra de Pontevedra!

Pontevedra, 11 de agosto de 2018

Mani.Touradas.2018

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print