Carta Aberta da APDR a Pedro Sánchez, Presidente do Goberno Español


Sin nombre

Transmitirlle en primeiro lugar, Sr. Presidente, os nosos parabéns pola recente chegada ao cargo e desexarlle toda sorte de éxitos e acertos na súa xestión, unha xestión que agardamos redunde no beneficio do conxunto da cidadanía e do interese xeral e non -como por desgraza vén acontecendo desde hai xa demasiado tempo- na defensa dos intereses particulares e dos poderosos fronte ás clases máis desfavorecidas.

Na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), unha asociación ecoloxista que, como se deduce da súa denominación, defende o saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra para o que é a súa vocación natural (a explotación racional do marisqueo, a pesca e os recursos turísticos e do monte) e que leva 30 anos loitando contra da presenza en Lourizán do complexo industrial ENCE-ELNOSA, por seren este o principal foco de contaminación da Ría e un freo para o desenvolvemento económico da nosa comarca, agardamos do goberno que Vde. preside, un  cambio de política que faga posíbel que estes obxectivos se vexan cumpridos.

Como sen dúbida saberá, Sr. Sánchez, a fábrica de pasta de papel que a empresa ENCE ten na nosa Ría, leva contaminando as augas de baño e marisqueo desde hai máis de 50 anos e foi condenada por delito ecolóxico continuado no ano 2002. E saberá tamén que a súa concesión en terreos de dominio público marítimo-terrestre, que tiña data de caducidade no 29 de xullo deste ano, ten sido prorrogada de forma vergoñenta en xaneiro de 2016 polo goberno en funcións do PP presidido por Mariano Rajoy, por 60 anos, o que supón a condena a cadea perpetua para a Ría e as persoas que vivimos na súa contorna. Pola súa banda, a electroquímica ELNOSA, que tamén foi condenada por delito ecolóxico continuado en 2002, ten contaminado con mercurio a Ría e a atmosfera desde o 1968, pondo en perigo, ademais, as nosas vidas pola acumulación de grandes cantidades de cloro nunha zona cunha elevada densidade de poboación. A súa concesión en dominio público caduca tamén este 29 de xullo, sen que neste caso -e polo momento- se teña producido ningunha prórroga á mesma.

Na APDR sabemos da posición do seu partido, contraria á prórroga das concesións a estas dúas empresas e á modificación da Lei de Costas que abriu a porta ás prórrogas; esta posición levoulle a presentar o 22 de febreiro de 2016 -xunto co grupo de En Marea- unha moción no Concello de Pontevedra a prol de declarar persoa non grata a Mariano Rajoy, e (o pasado 15 de xuño) a instar ao goberno que Vde. preside a emprender as accións que conduzan á anulación da amentada prórroga a ENCE. E sabemos tamén do compromiso adquirido publicamente en Pontevedra por Vde. ao seren preguntado polo tema; a súa resposta foi moi clara: “no caso de seren Presidente de Goberno, revisarei a concesión desta prórroga”.

Neste sentido, agardamos que teña en conta as reivindicacións da maioría social da comarca e cumpra a súa promesa revogando a amentada prórroga. Pero agardamos tamén, que aborde de forma decidida, e sen máis dilación, a resolución do expediente de caducidade da concesión de ELNOSA, IMPEDINDO QUE O FAGAN OS CARGOS DE CONFIANZA DA ADMINISTRACIÓN QUE LLE PRECEDEU NO GOBERNO e, consecuentemente, decrete a súa caducidade. Teña en conta, Sr. Presidente, que neste caso a decisión debería facerse efectiva antes do 29 de xullo.

Xa por último, Sr. Presidente, solicitámoslle teña a ben recibir a unha delegación da APDR para poder expoñerlle, de forma pormenorizada, a situación actual ao respecto do tema, unha reunión que, se así o considera, podería ser cos ministros/as responsábeis en materia de medio ambiente.

Sen outro particular, e reiterándolle os nosos parabéns polo seu cargo, reciba un afectuoso saúdo.

En Pontevedra, a 26 de xuño de 2018

Asdo.: Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR)

🗣️Desde a APDR pedímosvos que a través desta rede social enviedes mensaxes ao presidente do goberno español, Pedro Sánchez @sanchezcastejon, e a @PSOE @PSdeG para esixirmos:

👉🏼REVOGACIÓN DA PRÓRROGA DE ENCE
👉🏼CADUCIDADE DA CONCESIÓN DE ELNOSA

É o momento! #EnceElnosaFóra

IMG-20180629-WA0003


  • Ver abaixo vídeo de Galiza Contrainfo da Manifestación do 29 de xaneiro de 2016 en Pontevedra trala concesión do goberno en funcións de Mariano Rajoy dunha moratoria de 60 anos máis a ENCE:

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print