Solicitamos a paralización da modificación do plan sectorial de incidencia supramunicipal solicitada por ENCE


CONTAMINACION.AMBIENTAL.5

A Asociación Pola Defensa da Ría, ven de presentar un escrito de suxestións ao borrador remitido por ENCE á Consellería de Industria que iniciaría o trámite para a modificación do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS). Neste escrito a APDR solicita a paralización da tramitación desta modificación que pretende dar cabida, nos terreos de dominio público que na actualidade ocupa ENCE, a novas instalacións industriais que provocarían un grave incremento do impacto ambiental a nivel de contaminación, un grave impacto paisaxístico e incrementará os riscos na zona ao construírse tamén unha planta desgasificadora na que se acumularán grandes cantidades de gas natural.

É a Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia a que, tras estudar a consulta de ENCE sobre a vixencia e alcance do vello PSIS, concedido no ano 2003 co obxecto de que a empresa construíra unha planta de fabricación de papel tisú sen ter que someterse á legalidade do Concello de Pontevedra, a que advirte de que hai tres elementos dos plans de ENCE que non se axustan ao contido do Plan e que de forma enganosa se describen como “aumento da eficiencia no combustible” (en realidade una planta para a deshidratación de biomasa), “instalación de gas natural para fornos” (forma de ocultar a construción dunha planta de regasificación de gas natural licuado) e “mellora de eficiencia de coxeneración con biomasa” (que significa en realidade a construción dunha megaplanta de produción de enerxía eléctrica alimentada con biomasa de 40 MW)

No borrador descríbense as actuacións utilizando unha linguaxe “figurada” coa que se pretende disfrazar unha actuación dunha grande dureza e dimensións que producirá un forte impacto que incrementaría o que xa está a provocar o complexo de Lourizán.

Si é claro o borrador ao asegurar que o obxectivo da solicitude de modificación da normativa é incrementar a altura máxima e o número de plantas, incrementando o máximo de alturas construtivas para acadar os 70 metros en chemineas e instalacións de evacuacións de gases para construír unha planta industrial nova de grande envergadura.

A través da modificación do PSIS, preténdese construír unha planta de deshidratación de biomasa que terá dimensións que permitan tratar unha cantidade apreciable de madeira con calor para a súa deshidratación. Tal e como asegura a empresa consumiranse entorno ás 500.000 toneladas de materiais forestais ao ano, máis de 1000 toneladas diarias, o que fará precisa unha instalación de grande volume e forte ritmo de actividade. Tamén se debe ter en conta o impacto consecuencia do transporte deste volume de biomasa que tal e como asegura a propia empresa procederá “de todos os bosques de Galicia”

Pretende tamén construír unha planta regasificadora de gas natural licuado de 240 metros cúbicos; a acumulación de grandes cantidades deste combustible, tanto licuado como en estado gasoso implica un elevado risco de explosión e incendio de grandes magnitudes. Este tipo de instalacións non poden situarse en zonas cunha alta densidade de poboación como a que vive no entorno das marismas de Lourizán, habitadas por máis de 100.000 persoas, que quedan sometidas a este novo risco, máxime cando non é necesario que esta instalación estea próxima á factoría. Débese ter en conta tamén o risco que implica o transporte dos grandes volumes de gas natural licuado en cisternas por carreteira que a alimenten.

A terceira instalación que ENCE pretende realizar, a máis impactante, constitúe unha nova factoría dedicada a produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa que multiplicará o impacto visual, a contaminación e a degradación que provoca o complexo na zona. Tal e como se pode observar nos “garabatos”, debuxos nos que figuran no apartado de “Criterios de integración paisaxística” o previsible aspecto do complexo coa nova construción no borrador a exposición, a previsión do volume da nova instalación a construír resulta de grandes dimensións comparada coa fábrica de pasta preexistente, isto aínda tendo en conta que eses toscos debuxos son enganosos no relativo ás verdadeiras dimensións das novas instalacións tal e como se comproba pola comparación do tamaño das chemineas, as novas “represéntanse” do mesmo tamaño que as antigas cando preténdense construír estruturas de 70 metros de altura.

Por estas razóns, a APDR solicita á Consellería do Medio Ambiente nas súas suxestións a paralización da tramitación da Modificación do PSIS solicitada por ENCE.

Pontevedra, 30 de maio de 2018

Ver nota de prensa

Ver alegacións presentadas

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print