Presentamos achegas ao borrador do Plan Forestal Galego


Borrador.Plan.forestal

O borrador da 1ª renovación do Plan Forestal Galego (PFG), ven de ser sometido a un proceso de consultas previas coas administracións e os sectores interesados na xestión forestal. Nesta fase, a Asociación pola defensa da Ría (APDR), ven de colaborar no documento de achegas que a Federación Ecoloxista Galega, membro do Consello Forestal Galego, e á da que forma parte a APDR, ten remitido á Consellería do Medio Rural. Este borrador marca as fases iniciais dunha tramitación para a que aínda resta un longo proceso case dous anos, que debe pasar pola elaboración dun Estudo Ambiental Estratéxico e pola aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia xa que, tal e como pretende o Partido Popular, non se debaterá no Parlamento de Galicia.

O borrador do plan renovado presentouse en decembro no Consello Forestal Galego e contén ao noso entender graves deficiencias que, de manterse, levarán á planificación dunha política forestal que favorecerá o abandono das comunidades do medio rural, á destrución acelerada de diversidade e de solo fértil, á perda de recursos, usos e servizos dos sistemas forestais e ao incremento dos riscos que supoñen os incendios para o medio e para as persoas. Por este motivo, a APDR, propón nas súas achegas as modificacións imprescindibles para frear a degradación que se está a producir nos nosos sistemas forestais.

O borrador do PFG falla xa á hora de facer unha análise realista e precisa da situación na que se atopa o monte e das necesidades e dos beneficios que se obterán dos orzamentos que se pensan realizar. Unha diagnose detallada da situación de partida e uns obxectivos claros e cuantificados en forma de beneficios sociais que se pretende obter, resultaría moi beneficiosa para ter en todo momento unha idea clara de como evoluciona o plan e o propio monte. É necesario coñecer a superficie que ocupan as distintas formacións, o estado dos solos, o estado das reservas de carbono orgánico e a súa evolución, o estado das comunidades rurais e as súas necesidades e os riscos para o ambiente e para as persoas que permitan enfrontar a súa mitigación. So sobre este coñecemento se pode deseñar unha política forestal que permita, logo de establecer obxectivos, valorar e cuantificar os logros sociais e económicos. Sen esta diagnose arriscámonos a que, como ocorre na actualidade, onde os orzamentos que se realizan en materia forestal xeran moitos beneficios para empresas do “cartel do lume” ou para grandes compañías como ENCE ou FINSA pero poucos beneficios para a sociedade que é quen ao final contribúe a eses orzamentos e sofre as consecuencias da mala xestión como no caso dos incendios forestais ou da destrución ambiental en xeral.

Sen embargo, parece claro que o monte galego debe afrontar problemas de fondo que afectan ao conxunto da nosa sociedade. Estes problemas teñen unha vertente ambiental, pero tamén económica e social e ensombrecen o futuro dunha sociedade para a que o monte é fonte de servizos, recursos e constitúe a súa paisaxe. Non cabe dúbida, ao noso entender, que o novo Plan Forestal Galego ten que encarar eses retos.

O renovado PFG debería afrontar o máis importante risco que ameaza aos nosos montes e á nosa poboación; o risco que supoñen os incendios forestais nun escenario de cambio climático e as súas consecuencias, supón unha severa ameaza que é necesario xestionar, un serio risco para as persoas e os seus bens, para os recursos e propiedades, para os solos e a biodiversidade, un problema que a Administración, evidentemente, nunca asumiu de forma eficaz. Para a actual Administración, o problema do lume e o froito da actividade de “terroristas” ou de “tramas organizadas” que “asasinan” ao monte. Pero os incendios deben combaterse como un risco que se pode e se debe controlar, un risco que adquire en determinados períodos unha elevada perigosidade, a perigosidade está en función de determinadas situacións meteorolóxicas pero que tamén depende da cantidade e calidade do combustible presente no monte, esta combustibilidade se podería reducir substituíndo as formacións máis propensas ao lume por outras que o foran menos, evitando os continuos das mesmas que favorece a propagación. Tamén se debería reducir a vulnerabilidade e a exposición ao risco fomentando unha mellor organización espacial, protectora das zonas agrícolas habitadas e das zonas de interese ambiental, e isto bótase de menos no renovado PFG.

Un dos retos que se presentan aos xestores dos nosos sistemas forestais é o de anticiparse ao cambio climático pola vía da prevención, preadaptando por unha parte os sistemas forestais para non expoñerse á ocorrencia de fenómenos catastróficos de consecuencias imprevisibles e promovendo a mitigación por retirada de dióxido de carbono da atmosfera para fixalo a longo prazo en forma de compostos orgánicos. Pero o PFG opta por manter un monte empobrecido, altamente combustible, poboado de monocultivos de especies de crecemento rápido para usos pouco durables como a pasta de papel ou a biomasa, que devolven en pouco tempo á atmosfera o dióxido carbono capturado e empobrecen o solo en materia orgánica e que posúe escasa capacidade de adaptación aos cambios previstos no futuro.

Non vai favorecer tampouco o novo PFG o papel do monte na conservación de recursos esenciais para a sociedade como son a auga limpa, o solo fértil ou a biodiversidade xa que, en boa medida, o mantemento destes recursos depende do estado e das actividades se realizan, sendo necesario evitar ou controlar aquelas que poderían ser máis lesivas como os monocultivos forestais intensivistas e con baixos rendementos económicos para os cidadáns. Pero a distribución das asignacións orzamentarias amosa que a orientación e preferencias deste PFG renovado diríxense cara ao mantemento dun modelo que se pode considerar fracasado na medida en que ten beneficiado so a uns poucos e ten resultado fortemente destrutivo para os sistemas naturais, os recursos e os servizos do monte. Tal e como pode apreciarse para a conservación destes bens e recursos se destina unha partida minoritaria dos orzamentos mentres que para o mantemento da industria do lume e para a “dinamización socioeconómica” e a súa “incorporación á economía verde” se destinan entre o 62 e o 70% das partidas. Isto indica que a maior parte dos orzamentos contribuirán a manter unha superestrutura que se ten amosado ineficaz e destrutiva a nivel ambiental e social e que os fondos públicos, na súa maioría, terán como resultado o incremento do beneficio das empresas e non o beneficio social.

Tampouco favorecerá o novo PFG tal e como aparece no borrador o mantemento das comunidades e da vida rural, vitais para conservar a o patrimonio natural e cultural. Está máis que comprobado que os monocultivos non proporcionan recursos para a supervivencia destas comunidades, o que se necesita precisamente é a diversificación nos recursos obtidos e o plan aposta pola uniformidade das plantacións e deixa a porta aberta á privatización dos montes comunais en man común, esenciais para a pervivencia nos núcleos rurais e que en moitos casos están ademais a levar adiante experiencias que se guían polo servizo ao común e fomentan un modelos verdadeiramente sostibles de xestión forestal. O que as comunidades de montes necesitan é a solvencia económica e técnica que apoie a sustentabilidade.

Na APDR agardamos que no período que aínda resta de tramitación do plan se realicen modificacións que favorezan unha política forestal responsable, que resposte aos retos e necesidades que ten diante de si a sociedade galega e que, tras unha análise realista da situación e respondendo ás necesidades do noso monte e da nosa sociedade, se elabore un plan que afronte o problema dos incendios como un risco para as persoas e a natureza que é necesario xestionar e controlar, que  garanta a conservación dos múltiples usos e recursos que o monte proporciona a toda a sociedade, que se adapte á unha situación de cambio climático que se agravará no futuro e que contribúa á redución das emisións de gases de invernadoiro e mesmo serva de sumidoiro de dióxido de carbono para evitar que este cambio climático poda levarnos a situacións aínda máis dramáticas que as que se producen na actualidade.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print