Chamamos a asistir o próximo VENRES DÍA 2 DE FEBREIRO, ás 21 horas, á estrea no TEATRO PRINCIPAL de Pontevedra do documental “FÓRA”, un documental dirixido por Rodrigo Cota e realizado por Fernando Portela de IMASCO Producións, que aborda os principais fitos da historia da loita social contra o complexo industrial ENCE-ELNOSA.
Para a APDR, que ten colaborado activamente na realización do documental, traballos coma o que agora sae á luz, son fundamentais para manter acesa a memoria dunha loita social que é xa parte inseparábel da historia da comarca de Pontevedra; porque a oposición á presenza do complexo industrial ENCE-ELNOSA na Ría é, sen dúbida, a principal loita social na nosa comarca, unha loita que se iniciou no mesmo momento en que comezaron os recheos da Ría e a chamada “autovía de Marín” e que, desde aquela, nunca cesou.
A ninguén se lle escapa que a APDR, que cumpre agora 30 anos de vida, é o principal actor da loita pola recuperación da Ría para o que é a súa vocación natural e contra a contaminación e o desarranxo ambiental e económico que tanto ENCE como ELNOSA provocan na nosa comarca; e entendemos fundamental que a sociedade pontevedresa, que ten demostrado en multitude de ocasións a súa posición contraria á presenza do complexo ilegal de Lourizán no seu actual emprazamento, acuda masivamente ao Teatro Principal para deixar patente, máis unha vez, esta posición maioritaria da sociedade civil pontevedresa.
Por outra banda, e conscientes do peso que a empresa ENCE ten na actual política forestal da Xunta de Galicia, a APDR promove -xunto cun total duns 60 colectivos sociais- unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola defensa do bosque autóctono e contra os incendios forestais que, ano tras ano, asolan os nosos montes. Neste sentido, e para facilitar o apoio a esta ILP a todas as persoas que asistan á estrea do documental, instalará na entrada do Teatro Principal unha mesa de recollida de sinaturas.