Posicionamento da APDR sobre a aprobación da revisión da AAI a ELNOSA


DQog9rIWkAAaXeZ

Esta semana, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta deu a coñecer a súa decisión de aprobar a revisión da Autorización Ambiental Integrada (AAI) a Elnosa. Unha decisión política, por moito que o goberno do Partido Popular intente facela pasar por meramente técnica, coa cal a Xunta ignora as demandas tanto dunha grande parte da veciñanza como dunha institución como o Concello de Pontevedra, a máis achegada aos problemas e preocupacións locais.

 A pesar de que a concesión que ten Elnosa para ocupar a costa de Lourizán desde 1967 finaliza o 29 de xullo de 2018 e de que a fábrica de cloro está pendente da resolución dun expediente de caducidade sobre o que aínda non existe unha decisión, esta AAI revisada autoriza un plano de reconversión tecnolóxica de dous anos e medio no que só se pode entender como unha prórroga encuberta e tramposa da concesión. Que sucedería agora se o resultado do expediente de caducidade de Costas fose o de decretar a caducidade da concesión? Ese sería o resultado lóxico se consideramos, por exemplo, que existiu un cambio de titularidade da fábrica cando foi comprada pola empresa portuguesa CUF e que este feito é unha causa clarísima de caducidade. É que acaso a Xunta xa sabe que o goberno español vai decidir o expediente en favor de Elnosa? É que non lles importa facer o ridículo e desprestixiar a institución? Ou é que isto máis que de legalidade e xustiza trátase dunha cuestión de forza e de feitos consumados?

 Denunciamos de novo que a consolidación de Elnosa en Lourizán, a pesar do cambio de tecnoloxía, traería consecuencias negativas no medio ambiental e no económico porque a fábrica reformada terá unha capacidade de produción e almacenamento de cloro moi superior á actual, e aumentará significativamente a contaminación por materia orgánica da Ría. Elnosa seguirá a contaminar e seguirá a ser un perigo constante en caso de accidente ao estar no medio dun territorio densamente poboado. E non só iso, tamén aumentaría significativamente o consumo de auga do Lérez, unha auga que, como estamos comprobando cada vez máis, é un recurso escaso que debe estar preferentemente a disposición da veciñanza e non para satisfacer a voracidade de Ence e Elnosa.

 Fica claro, aínda máis se é posíbel, que o goberno de Feijóo actúa como un mero departamento administrativo e facilitador para as grandes empresas, que os intereses xerais e as reivindicacións dos movementos populares e mesmo das institucións locais non lle preocupan o máis mínimo e que o seu modelo económico é o da destrución sen remedio do territorio e está definido polo curtopracismo máis cego e egoísta.

 Por que o PP quere facernos pagar a nós a súa inutilidade à hora de implementar o acordo alcanzado cos propietarios de Elnosa para o traslado da fábrica, que fixaba o fin da actividade en Lourizán no 2014? Por que en Pontevedra temos que ver a nosa costa privatizada e contaminada? non foron suficientes 50 anos?

 Desde xa, facemos responsábel á Xunta do que poida suceder tanto no proceso de retirada do mercurio acumulado en Lourizán como co aumento do número de camións-cisterna que van levar cloro até Elnosa para manter a produción de derivados en tanto non establezan a liña de produción de cloro sen mercurio. Ambas situacións supoñen un perigo real de contaminación e de afectación á nosa saúde; e os procedementos que se van utilizar para a retirada do mercurio, das vellas estruturas contaminadas por este metal pesado e na obrigada descontaminación de solos e augas soterradas no perímetro da fábrica, nin son as mellores, nin garanten a seguridade e a inocuidade para o medio e as persoas.

 Pedimos tamén que desde o ámbito municipal se trate de impedir por todos os medios a consumación deste novo ataque a Pontevedra e á Ría.

Pola nosa parte, para alén de recorrermos esta decisión polas vías administrativas e xudiciais, imos manter a mobilización como elemento central desta loita desigual en defensa da recuperación de Lourizán e da Ría fronte a quen queren privatizala e destruíla en beneficio exclusivo duns poucos. Porque suceda o que suceda a veciñanza de Pontevedra seguirá demostrando a súa dignidade e loitando por un futuro sustentábel.

 A Xunta Directiva da APDR,

Pontevedra, 14 de decembro de 2017

Descarga a nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print