Domingo 3 decembro en Culturgal (no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra ) ás 12,30. “Paraíso roubado”. Proxección e coloquio.
Asisten: Lukas Santiago, Director do documentario e Antón Masa da APDR, produtora do documentario. Un exercicio de memoria histórica que fai un percorrido pola riqueza paisaxística e económica de Lourizán antes da instalación da fábrica de celulosa. Os protagonistas son os veciños da parroquia, destacando a loita das mulleres mariscadoras que se enfrentaron ao exército franquista rematando moitas delas no hospital ou no cárcere.
O documentario, realizado por Lukas Santiago, aborda a realidade de Lourizán entre finais do século XIX, cando era un auténtico paraíso, no que Montero Ríos establece a súa residencia galega, ata os anos 60 do século XX, cando este paraíso foi destruído. É un percorrido pola riqueza natural, paisaxística e económica desta parroquia pontevedresa, que veuperder o seu futuro coa chegada do “desarrollismo” franquista e a instalación da Celulosa. Pero tamén é un exercicio de memoria histórica, un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, unha loita que non pode caer no esquecemento.
Esta é a crónica dun paraíso perdido…. dun PARAÍSO ROUBADO!
O filme foi producido pola APDR e contou coa colaboración do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, o Museo de Pontevedra e a Cartoteca Provincial Domingo Fontán.