Lumes forestais, nunca máis ! Concentración urxente luns 16 de outubro


Concentracion.luns.16.10.17-2

Con seguridade, Galiza sofre hoxe a máis grave vaga de lumes desde o pasado ano 2006, unha vaga de lumes que está a por en perigo non só o noso monte, senón tamén a vida das persoas e as súas propiedades en moitas das zonas afectadas. A declaración de “zona de risco nivel 2” en moitas distas zonas, non é máis que a constatación desta realidade, e a morte de cando menos tres persoas (dúas en Chandebrito, Nigrán, e outra en Carballeda de Ávia, Ourense), sitúanos no peor dos escenarios posíbeis!

Con seguridade tamén, as condicións ambientais, cun longo período sen choivas, teñen unha evidente influencia na propagación dos lumes forestais, pero son moitas outras as razóns que levan ano tras ano e desde hai xa demasiado tempo á destrución dos montes galegos.

En efecto, e con independencia das condicións ambientais adversas -que sen dúbida aumentan a combustibilidade do monte e aceleran a expansión dos lumes- e do grado de intencionalidade que poida haber detrás de cada un destes lumes, con independencia de cales sexan as razóns que poidan levar a alguén a prender lume ao monte, son moitas as razóns de carácter estrutural e político que favorecen esta situación que, inevitabelmente, vaise repetir no noso país cada certo tempo.

Non debemos esquecer que estamos a falar dun rural galego abandonado, cunha poboación fortemente envellecida, e cuns montes cunha elevadísima carga de biomasa á espera de que se dean as condicións propicias para a aparición do lume. Porque mentres sigamos a eliminar bosques, mentres sigamos adicando os nosos montes aos cultivos forestais industriais, en base á plantación de especies pirófitas, cunha enorme combustibilidade, e fomentando a transformación das zonas agrícolas e gandeiras en eucaliptais, o monte galego estará exposto aos lumes de forma sistemática. Porque, lamentabelmente, cunha política forestal como a do goberno galego, que favorece unha situación como a descrita, dependemos máis das condicións meteorolóxicas que da eficacia da política contra incendios!

Pero, ademais, cunha política contra incendios como a da Xunta, centrada na extinción, que fomenta a creación dunha verdadeira “industria do lume” que xera ao seu arredor enormes beneficios económicos, e abandona os traballos de prevención de incendios, as vagas de lumes forestais convértense nun problema de imposíbel solución. Unha política contra incendios que ten moito de improvisación e que non ten en conta a desestacionalización dos lumes forestais, está chamada ao fracaso; de feito, esta falta de planificación levou á situación actual, cun servizo contra incendios en cadro, con medios humanos e materiais insuficientes e co “reforzo de verán” cesado. Abonda con dicir que, a estas alturas, estábanse a desenvolver traballos de prevención que tiñan que estar rematados con anterioridade ao verano, por non falar das condicións de contratación do persoal do servizo ou da contratación apresurada de persoal con escaso nivel de preparación na extinción de incendios.

Faise absolutamente necesario mudar a política forestal, poñendo freo á eucaliptización, evitando a ocupación de zonas de vocación agrícola ou gandeira por esta especie pirófita; primar a diversificación de especies e de usos, aplicando unha política forestal máis xusta socialmente e máis acaida desde o punto de vista ambiental, unha política que non teña como obxectivo alimentar á fábrica de ENCE, senón a explotación racional e integral do monte como un factor económico máis que axude a fixar poboación nova no rural. Faise preciso mudar a política contra incendios, favorecendo as tarefas de prevención, planificando as tarefas con rigor e tendo en conta as condicións actuais dos lumes, sen centrar o traballo exclusivamente no período do verán e aumentando o grado de profesionalización do servizo.

Somos conscientes da dificultade que ten frear esta situación e de que -con seguridade- a solución non se vai conseguir a curto prazo; pero sabemos tamén que é absolutamente necesario loitar por conseguilo. Fará falta unha nova política forestal e unha modificación dos criterios de loita contra os incendios, pero será necesario tamén unha política de educación á cidadanía que faga entender que ningunha razón pode xustificar a queima dos nosos montes.

Desde a APDR, chamamos a toda a cidadanía a participar na CONCENTRACIÓN UNITARIA, convocada en réxime de auto-convocatoria polos colectivos sociais da comarca para HOXE Á S 20 HORAS NA PRAZA DA PEREGRINA.

IMG-20171016-WA0036

001

Grazas pola vosa participación !!

Ver nota de prensa

Ver vídeo

Ver fotos da concentración

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print