A continuidade de ELNOSA en Lourizán, afectada pola negativa de prórroga á planta de SOLVAY (Torrelavega)
De acordo coa información recollida polo DIARIO MONTAÑÉS o pasado 26 de setembro, o goberno de Cantabria ten denegado a prórroga solicitada pola cloreira Solvay en Torrelavega para adaptar a empresa á nova tecnoloxía libre de mercurio, unha prórroga que -desde o primeiro momento- o goberno cántabro tiña decidido conceder. Solvay pretendía manter a produción de cloro con mercurio durante o tempo de transformación tecnolóxica necesario para substituír a obsoleta tecnoloxía baseada no uso deste metal pesado pola de membranas, unha situación que desde a UE prohibe de forma clara e definitiva.
Como sucede no caso de ELNOSA, e contrariamente ao anunciado no seu día polo goberno de Cantabria, Solvay terá que paralizar a produción de cloro a partir do día 11 de decembro se quere adaptar a planta ás esixencias medio ambientais da UE. Pero, ademais, no caso de Solvay ponse en risco a posibilidade de venda da planta á multinacional CUF, dona de ELNOSA, e -en certa medida- o propio plan de reconversión de ELNOSA.
En efecto, a firma CUF pretendía manter a produción de derivados do cloro en Lourizán a partir do cloro subministrado desde Torrelavega e a planta que posúen en Estarrexa, no norte de Portugal, unha posibilidade que sa vai ver impedida logo da decisión adoptada agora polo goberno de Cantabria. Poderá ELNOSA producir estes derivados só a partir do cloro enviado desde Portugal? Canto cloro podería subministrar a planta portuguesa da CUF a ELNOSA sen ver comprometida a produción para o mercado que cobre na actualidade?
En calquera caso, a cidadanía da comarca de Pontevedra estaría exposta aos perigos que supón a circulación de numerosas cisternas de cloro polas nosas estradas, un perigo que a Xunta de Galicia debería ter en conta e que, por si mesmo, debería levar ao goberno galego a non permitir a produción de derivados de cloro en Lourizán e a denegar a nova AAI a ELNOSA.
Ver nota de prensa