Como era de agardar, o PP na Xunta de Galicia vén de dar o primeiro paso para tratar de conseguir que ELNOSA poida continuar en Lourizán máis alá do mes de decembro deste ano. E a estas alturas non lle pode sorprender a ninguén que o faga, como non pode sorprender tampouco que inicie os trámites de exposición pública en pleno mes de agosto para limitar no posíbel a acción cidadán. É parte da dinámica utilizada sempre polo PP na Xunta e no Goberno central para protexer os intereses particulares das empresas que fan parte do complexo industrial de Lourizán, unha práctica que ten moito que ver coa existencia de portas xiratorias entre as administracións e as empresas ENCE e ELNOSA e coas relacións familiares entre administracións e empresas. Non se pode esquecer que Amaya Echevarría Moreno, xefa industrial de ELNOSA, é irmá de Mª José Echevarría Moreno, casada con Antonio Casal (director territorial de ENCE-Pontevedra) e ata hai ben pouco Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia, nin que ambas participaron no procedemento de renovación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) a ELNOSA no ano 2011.
Ábrese agora un período de exposición pública e de presentación de alegacións á proposta de renovación da AAI, un período no que a APDR -á espera de coñecer a amentada proposta- vai intervir como parte interesada para tratar de frear este novo intento do PP de perpetuar a agresión ambiental e socioeconómica que supón a presenza de ELNOSA na nosa Ría.
ELNOSA é unha fábrica ilegal, que incumpre a normativa urbanística do Concello de Pontevedra e a normativa de aplicación aos seus vertidos á Ría (particularmente a Directiva 91/271/CEE); que foi condenada por delito ecolóxico xunto con ENCE no ano 2002 e que pon en permanente perigo a saúde e as vidas da poboación da comarca pola acumulación de enormes cantidades de cloro e cos vertidos e emisións de mercurio. Trátase dunha empresa que tiña que ter presentado os seus plans de conversión á tecnoloxía de membrana, libre de mercurio, con anterioridade ao 2011 e que incumpriu todas as promesas e acordos asinados coa Xunta de Galicia; dunha empresa que tivo tempo abondo para adaptarse á nova tecnoloxía para poder continuar en Lourizán máis alá do 11 de decembro do 2017, e que, pola contra, asinou un acordo coa Xunta de Galicia para abandonar o seu actual emprazamento neste ano.
E, a pesares destes incumprimentos, a Xunta de Galicia, que na renovada AAI de ELNOSA tiña fixado “de forma absolutamente improrrogábel” a data do 6 de xaneiro do 2014 para por fin á actividade da fábrica en Lourizán, prorrogou a AAI ata o 2017 e pensa agora nunha nova prórroga en base a novas promesas dos directivos da cloreira.
Na práctica, e aínda que se trata de dous procedementos diferenciados, esta decisión da Xunta de Galicia supón a prórroga da concesión de ELNOSA en terreos de dominio público, unha prórroga que, coa Lei na man, non se podería outorgar por estar aberto un procedemento de caducidade da mesma. Unha vez máis, o PP proponse actuar de forma torticeira nun procedemento que afecta aos intereses das empresas do complexo industrial de Lourizán, uns intereses que non lle son alleos e que son contrarios aos da maioría social, ao interese xeral.
Desde a APDR faremos canto estea nas nosas mans para impedir este novo atropelo, e desde xa, facemos un chamamento á poboación da comarca para que estea atenta a canta mobilización se propoña para conseguilo. Non desbotamos ningunha das vías legais ao noso alcance, sexa a vía política, administrativa ou xudicial, pero confiamos sempre na acción social, na mobilización, como respaldo imprescindíbel a calquera das outras vías utilizadas.
Pontevedra, 3 de agosto de 2017