Aprendamos dos lumes forestais de Portugal


concentracion.lumes.apdr. 18.08.16

Coa tranquilidade que da o paso do tempo, que permite analizar e tirar conclusións cunha certa distancia dos desastrosos lumes forestais sufridos nos montes da nosa veciña Portugal, desde a APDR queremos reflexionar sobre a situación dos nosos montes e o modelo de política forestal adoptado pola administración galega para a súa xestión.

Porque, con independencia das causas últimas que os teñan provocado e a gravidade dos danos causados, os lumes de Pedrógão Grande poden repetirse na Galiza de darse certas condicións ambientais adversas. Porque a situación actual do noso monte -e particularmente nas provincias do sur- é moi semellante á de Portugal. Aquí, como alí, a política de prevención de incendios é, na práctica, inexistente; como alí, a acumulación de material combustíbel no monte é enorme e o abandono do monte particular unha tendencia en ascenso. E, tamén como alí, a política forestal e o modelo de xestión do monte son desaxeitadas. Porque unha política forestal feita á medida dos intereses da industria da pasta de papel, baseada no monocultivo do eucalipto e que hai tempo que se ten demostrado errada, vainos seguir condenando a vivir ano tras ano coa ameaza dos lumes forestais, coa perda dos nosos montes e o seu valor ambiental e, de darse as condicións de elevada temperatura, vento e sequidade, coa perda das propiedades e as vidas das xentes do rural. Porque unha política desaxeitada, como aconteceu agora en Portugal e non hai moito en Cotobade, mata! E porque, de non mudar esta política, só a choiva pode salvarnos…! Abonda con escoitar voces autorizadas como a do catedrático de ecoloxía da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero, ou a da Dra. María da Conceiçâo Almeida Colaço para acreditar nesta realidade.

Na APDR apostamos por unha política de diversificación dos aproveitamentos do monte, por un modelo que non se limite ao uso forestal e que, mesmo no forestal, sexa diverso no que ás especies arbóreas se refire; por unha política que impida a eucaliptización da Galiza, porque, da man de ENCE, o eucalipto está a invadir non só os nosos montes, senón tamén os prados e as terras de labor; por unha política que conte coa participación activa das Comunidades de Montes, que prime o poboamento do rural facéndoo atractivo para a volta da xente moza, e que pense no interese xeral fronte aos intereses dos monopolios madeireiros.

E apostamos por un desenvolvemento económico do sector baseado na explotación racional das súas potencialidades madeireiras, froiteiras, paisaxísticas e ambientais; polo desenvolvemento de actividades que, como a explotación dos cogomelos ou das plantas aromáticas, teñen un futuro esperanzador na Galiza se muda a política forestal.

Por iso esiximos un cambio de rumbo na política forestal da Xunta; por iso esiximos a paralización da eucaliptización da Galiza e a declaración do Eucaliptus globulus e o Eucaliptus nitens como especies invasoras no noso país. Por iso esiximos tamén o fin da actividade de ENCE, porque non só impide a explotación racional da nosa Ría e da economía da nosa comarca, senón que é tamén o freo á explotación racional das potencialidades do monte galego, porque está detrás da situación actual dos nosos montes, da inaceptábel eucaliptización dos montes galegos e do lume forestal na Galiza. E por iso facemos un chamamento ás persoas e aos colectivos sociais da comarca a non axeonllarse aos intereses de ENCE, a non aceptar esmolas desta empresa; porque do contrario, de aceptar esta política empresarial que non ten máis obxectivo que o lavado da peor das súas caras, estanse a converter, ao tempo, en cómplices silenciosos da política da empresa e das nefastas consecuencias que vimos de expoñer.

Descargar nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print