3 de Xuño, Marcha contra Celulosas: Hoxe Elnosa, mañá Celulosas!


faixa

 10ca-br

A APDR convoca unha nova edición da Marcha contra o complexo Ence-Elnosa. A mobilización terá lugar o sábado 3 de Xuño, con saída ás 19:30 das Alamedas de Pontevedra e Marín: (descarga a folla en pdf)

O Partido Popular, que concedeu de forma fraudulenta e vergoñenta o pasado ano unha prórroga de 60 anos á fábrica de pasta de papel de ENCE en Lourizán, semella estar disposto a saltarse de novo a lexislación e prorrogar tamén o uso do mercurio na electroquímica ELNOSA. De se levar adiante esta operación, trataríase dun novo chanzo na escalada de corrupción ambiental que o PP vén desenvolvendo na nosa Ría.

En efecto, a lexislación europea prohibe o uso da chamada tecnoloxía do cátodo de mercurio para a fabricación de cloro e sosa máis alá do 11 de decembro de 2017, data pactada ademais co sector, que adquiriu o compromiso de adoptar a tecnoloxía de membrana, libre de mercurio, con antelación a esta data. E non son de recibo os argumentos utilizados por ELNOSA, que pretende xustificar unha prórroga na existencia de dificultades técnicas para acometer a reestruturación da fábrica; tiveron catro anos para facelo cambio e nin sequera presentaron o proxecto.

O mercurio é un dos contaminantes máis perigosos para o medio, os recursos naturais e a saúde humana, por iso non se pode permitir que se siga vertendo ilegalmente á Ría e emitido ao ar que respiramos! Temos que esixir que se cumpra a lei e se desmantele a fábrica de ELNOSA este ano, non máis alá do 11 de decembro, porque é de xustiza e porque así o esixe a Unión Europea.

Hai que frear ao Partido Popular que, unha vez máis, pretende defender os intereses particulares das fábricas contaminantes fronte ao ben común. E desde a APDR vámolo facer por todos os medios ao noso alcance, tanto pola vía xudicial como -sobre todo- coa mobilización social. Porque conceder unha prórroga ao uso da vella tecnoloxía, suporía prevaricar.

E o primeiro paso vámolo dar na nova MARCHA CONTRA CELULOSAS, que este ano céntrase na esixencia do desmantelamento de ELNOSA como paso previo ao peche definitivo do complexo industrial de Lourizán.

APDR marcha_17

 

Foto da páxina principal: GZ Foto (Marcha 2016)

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print