Veñen de saír á luz algúns aspectos considerados no novo Plan de Saneamento da Ría impulsado pola Xunta de Galicia, e hai algúns deles que non por agardados deixan de ser preocupantes. Tal como recollen os medios, o goberno galego ten decidido xa facer un novo emisario que vertería máis afora do punto no que o fai o emisario actual; recoñécese así (non foi sen tempo!) que, tal como indicamos desde a APDR e outros colectivos no momento no que se deseñou, o punto de vertido elixido non era o máis idóneo, e trátase de solventar unha situación que din “non se podía manter por máis tempo”. Basean a súa decisión nun feito que resulta incontestábel por evidente; a Ría, por se tratar dunha zona sensíbel e ter unha clara vocación marisqueira, non pode asumir unha carga de contaminación orgánica e microbiolóxica como a que estaba a padecer.
Porén, todo indica que, máis unha vez, o prioritario vai ser alonxar os vertidos do interior da Ría, e o secundario garantir o cumprimento das esixencias legais ás augas residuais antes da súa entrada no tubo emisario, unha situación que -entre outras cousas- vai supor que desde a Unión Europea se manteña a denuncia por incumprimento da lexislación en materia de augas residuais urbanas.
Pero, máis alá deste aspecto, hai outro que semella pasar desapercibido polos sectores que teñen na explotación da Ría o seu medio de vida e que, para nós, ten unha importancia fundamental. De acordo coas declaracións do goberno galego, o novo emisario vai ser de “uso exclusivo para os vertidos domésticos procedentes da EDAR de Os Praceres, permanecendo o emisario actual para os vertidos de ENCE e ELNOSA”. É dicir, recoñecido o problema que supón o vertido das augas residuais contaminantes no actual punto de vertido, vaise permitir que os vertidos de ENCE (cunha carga de materia orgánica e de contaminación microbiolóxica moi elevada) e ELNOSA (que segue vertendo importantes cantidades de mercurio) se manteñan nese mesmo punto de vertido. E non se pode esquecer que ENCE proponse duplicar a produción de pasta de papel ao longo dos próximos anos, co conseguinte aumento da contaminación.
Que razóns poden existir para non obrigar a ENCE e ELNOSA a verter fóra da Ría?
Que leva á Xunta de Galicia a non considerar agora a utilización do novo emisario como a mellor das solucións para o conxunto dos vertidos que se realizan nesta zona da Ría?
Como esquecer, ademais, que o actual emisario está afectado polo procedemento administrativo que deu lugar á caducidade parcial da concesión de ENCE?
E chama a atención tamén o silencio das Confrarías de mariscadoras a este respecto, porque non descoñecen esta situación xa que participan nas mesas informativas sobre o saneamento da Ría.
Desde a APDR queremos deixar claro que se realmente se quere acometer o saneamento da Ría e non unha nova campaña propagandística, non se pode permitir a permanencia dos vertidos de ENCE e ELNOSA e, moito menos, nunha zona interna, con pouca capacidade de renovación das augas, como se veu facendo ate agora. Esta nova situación permitiría, ademais, a recuperación da illa de Tambo, que podería verse acollida por algunha das figuras de protección ambiental, un aspecto que non se debería deixar por máis tempo e que agora vese imposibilitado pola presenza do punto de vertido do emisario submarino nas súas proximidades.
Pontevedra, 23 de marzo de 2017
Descarga a nota de prensa