Unha nova rebaixa nas ofertas de ENCE, deixa ver a súa verdadeira cara


Vaia por diante que, como xa denunciamos no seu día, na APDR estamos en contra da instalación dunha planta dMentiras.promesas.encee biomasa de ENCE en Lourizán, como estamos en contra da presenza da propia pasteira na Ría; pero, dito isto, cremos que coa decisión de non facer esta inversión na comarca, ENCE deixa ver -máis unha vez- cal é o verdadeiro compromiso da empresa con Pontevedra e a cidadanía. Porque, lonxe de cumprir co tan “cacarexado” pacto “ambiental” coa Xunta de Galicia, ENCE amosa a súa verdadeira cara e pon en evidencia a catadura moral dos responsábeis da Xunta que, fronte ao sistemático incumprimento do seu socio, miran cara outro lado.

Con independencia da nosa posición ao respecto, a realidade é que ENCE non vai instalar en Lourizán a prometida planta de biomasa nin aportou os 30 millóns de euros que prometeu destinar ás axudas aos colectivos sociais no ano 2016; a realidade é que non vai ser posíbel saber cantos cartos destinará ENCE neste capítulo de “axudas sociais” neste ano 2017 nin nos anos vindeiros, porque moito nos tememos que non se vai facer pública a relación de entidades beneficiadas neste apartado nin a contía das esmolas recibidas por cada un deles; a realidade é tamén que ENCE non vai aportar cantidade ningunha para a prometida rehabilitación do Pazo de Lourizán e que -tal como recoñecía CC.OO. nunhas recentes declaracións- non só non está a crear postos de traballo, senón que segue a destruílos na propia fábrica de Lourizán.

O único que si semella vai facer ENCE en Lourizán é aumentar a produción de pasta de papel, os seus beneficios económicos e a contaminación da nosa Ría, do noso ambiente e das nosas vidas, e todo elo coa aquiescencia submisa do Goberno galego.

E estes incumprimentos de ENCE ao seu “pacto” co Goberno galego, deberían facer meditar a todas aquelas persoas que ceden ás chantaxes da empresa e que aceptan a súa continuidade na Ría como un “mal menor” a cambio das esmolas prometidas, e aos responsábeis do PP na Galiza e no Goberno do Estado, cuestionarse a continuidade de ENCE en Lourizán.

Descarga nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print