OS RECADEIROS DE ENCE!


Recadeiros.ENCE

OS RECADEIROS DE ENCE !!

Hai uns quince días, asistiamos en Pontevedra a un feito insólito… ENCE enviaba a uns propios á Deputación provincial cun importante recado da empresa. E o insólito non é que ENCE mande a alguén de confianza a levar un recado á Deputación; o verdadeiramente insólito -por escandaloso- é a identidade dos propios elixidos nesta oportunidade! Sabiamos do papel de submisión que hai tempo representa a Xunta de Galicia nas relacións coa empresa ENCE, un papel que lle leva a defender coma propios os proxectos da pasteira e mesmo a facer declaracións por boca dos representantes legais da empresa. E sabemos tamén dos intereses políticos e familiares que unen aos responsábeis da empresa co PP e coa Xunta de Galicia, uns intereses que defenden dando os pasos necesarios para conseguir a súa permanencia en Lourizán custe o que custe. Pero, sinceramente, o visto nestas datas non era imaxinábel!

O Vicepresidente do Goberno galego, Sr. Rueda, na compaña da Conselleira de Medio Ambiente Sra. Mato e do Delegado do Goberno Sr. Cores Tourís, asumindo a representación de ENCE nunha reunión coas máximas autoridades da Deputación para negociar a cesión do Pazo de Lourizán á súa representada!

E, fracasada a negociación, o propio Vicepresidente da Xunta laméntase en nome da empresa porque entende que o Pazo precisa dunha pronta rehabilitación e asume que a Xunta vai buscar unha solución para que ENCE poida levar o seu proxecto adiante na Galiza. A Xunta, asegura, non vai impedir que Galiza teña un Centro de I+D+i forestal. Pero esquece o Sr. Rueda que a responsabilidade da situación de deterioro do Pazo de Montero Ríos é exclusivamente da Xunta, e que Galiza xa ten un Centro de I+D+i forestal, instalado precisamente na Finca de Lourizán; un centro que hai anos vén esmorecendo pola falta de apoio e interese do Goberno galego no seu desenvolvemento e potenciación. Descoñece o Sr. Rueda que, a pesar do evidente abandono e falta de interese por parte do goberno que representa, hai aínda moito persoal investigador que permanece no Centro desenvolvendo unha admirábel labor investigadora no eido do forestal e o medio ambiente; moito persoal cunha excelente formación académica e investigadora que agarda solucións por parte do Goberno galego para que o Centro Forestal de Lourizán non remate nas mans das industrias madeireiras. Non se trata de facer un Centro de I+D+i para Galiza, trátase de potenciar o que xa temos! E moito menos se trata de que sexa ENCE quen leve adiante a investigación nesta disciplina! Debería lembrar o Sr. Rueda que ENCE xa tivo un suposto Centro de I+D+i forestal en Campañó e que acabou pechado e inutilizado polo absoluto desinterese da empresa no seu mantemento.

A negativa da Deputación provincial a apoiar o proxecto de ENCE no Pazo de Lourizán, supuxo unha vitoria na defensa da titularidade pública do Pazo; pero, coidado, que a empresa non renunciou aínda aos seus plans e os recadeiros de ENCE levan baixo o brazo outra proposta! ENCE xa mandou un novo recado -e polo mesmo conduto- á Deputación. Trátase de que a Deputación traspase a Finca e o Pazo de Lourizán á Xunta de Galicia e, unha vez en mans dos recadeiros… Tempo ao tempo! Para empezar, a Deputación non lle fai ascos á idea do traspaso das instalacións á Xunta. Acabarán sendo PSOE e BNG corresponsábeis da cesión a terceiros?

Decarga a nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print