Aínda que a dragaxe da canle do Río Lérez entre as escolleras e a deposición dos sedimentos dragados na Ría puidera parecer unha obra razoable e supostamente necesaria para mellorar a produtividade dalgúns bancos marisqueiros, a análise do Proxecto e do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) presentados revelan evidencias e incertezas que recomendan non levala a cabo, polo menos mentres non se teña a seguridade de que a actuación vai cumprir co obxectivo que se propón e non vai causar prexuízos irreversibles.
En primeiro lugar, todo indica que a actuación vai ter unha duración efémera, e que en poucos anos a situación volverá ao seu estado actual facéndose necesario realizar un novo dragado cos elevados custos e o impacto ambiental correspondentes. Tal e como se asegura no EIA, os factores hidrodinámicos que determinan a disposición actual dos sedimentos volverán despois da obra a situalos onde se atopan actualmente, deixando en evidencia o ineficaz dunha actuación que, no mellor dos casos, daría resultados por un breve período de tempo.
A análise dos documentos a exposición pública, permite concluír que as obras de dragado están cargadas de incertezas; non se xustifica o impacto que se vai producir nin en que medida se mellorará a produción nos bancos que se verán afectados polos movementos das areas pudendo ser que ao final saian prexudicados. Non se entende, por exemplo, como se pretende rexenerar os bancos con sedimentos contaminados ou crear un no entorno da saída do tubo emisario que transporta as augas de ENCE-ELNOSA e da EDAR de Os Praceres.
E o estudo de impacto, non aborda o feito de que a solución dos problemas que se pretende acometer require dunha xestión global da Ría entendida como sistema, o que implica resolver os principais impactos que están a provocar esta situación. En efecto, para conseguir resolver o problema asociado aos cambios na sedimentoloxía, é necesario iniciar canto antes a retirada dos recheos ilegais realizados sen estudo de avaliación de impacto no Porto de Marín que, pola súa magnitude, teñen prexudicado á dinámica sedimentolóxica do interior da ría. Tampouco servirá de nada ningunha actuación, si non se detén a eucaliptización e os arrastres erosivos que se producen nas bacías que desaugan na Ría tras os incendios forestais, que terminan por levar miles de toneladas de areas e limos que colmatan a súa zona máis interna.
Na APDR, valoramos positivamente que se teña dado participación na elaboración destes proxectos a algún dos sectores implicados na xestión da Ría de Pontevedra, en concreto ás confrarías de pescadores do fondo da ría e ao sector da náutica turística, pero entendemos que esta participación debería terse ampliado a todos os actores interesados na xestión dos recursos e na conservación da Ría de cara á súa xestión integral.
En base ás deficiencias dos proxectos e dos aspectos que vimos de subliñar, a APDR vén de solicitar que se deixe en suspenso este proxecto e se inicie un novo proceso de análise que valore, de forma realista e sen incertezas, os posibles impactos positivos e negativos que unha actuación como a que se describe nos documentos pode carrexar, e que, en base a este coñecemento, se realice un estudo custo-beneficio que determine si procede ou non a execución da mesma.
Ver alegacións
Descargar nota de prensa da APDR