Perigo de bomba #ElnosaFóraXa


img_20161217_122816

Hoxe sábado, na praza da Peregrina, comezamos cunha campaña de recollida de sinaturas para paralizar a tramitación da autorización ambiental a Elnosa. Cos mesmos monos e máscaras anticontaminación que utilizamos para recoller chapapote saimos a rúa con globos negros xigantes que representaban o perigo de bomba na ría. Grazas a tódalas persoas que desteis hoxe o voso apoio ao inicio desta campaña.

Tamén tivemos a oportunidade de denunciar a corrupción ambiental de ELNOSA directamente a Ana Pastor (Presidenta do Congreso e ex-Ministra do PP en Sanidade e Fomento) e ao seu marido, José Benito Suárez Costa (presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e ex-Director Xeral de Interior e Protección Civil na crise do Prestige), presentes na Praza da Peregrina.

ana-pastor-17-12-2016

Tal como fixo coa fábrica de ENCE, o Partido Popular pretende permitir a continuidade de ELNOSA en Lourizán, unha decisión absolutamente inaceptábel tanto polo que supón de freo para a recuperación da Ría e a súa contorna, como polo xeito en que se vai levar adiante.

Resulta inaceptábel que a Xunta de Galicia poida manter na Ría unha empresa perigosa, que almacena grandes cantidades de cloro nas súas dependencias e pon en grave risco á veciñanza da comarca; que renunciou a mudar de tecnoloxía ao solicitaren a renovación da AAI, pois non presentou -como esixía a UE- antes do 2011 un plan para facer o amentado cambio; que renunciou de novo ao asinar coa Xunta de Galicia un acordo que fixaba o ano 2017 como a data final de permanencia en Lourizán.

Xa daquela, dixemos que o acordo Xunta-ELNOSA era papel mollado e que, chegado o momento, o PP ía defender os seus intereses particulares, uns intereses que pasan por beneficiar ás empresas amigas. Non esquezamos que unha das máximas responsábeis de ELNOSA, Amaya Echevarría Moreno, é irmá da actual Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta.

E aínda que afirmen que esta decisión estaría condicionada ao cambio de tecnoloxía, o certo é que a Xunta concedería a renovación antes do abandono da actual, baseada na electrólise con cátodo de mercurio. Porque ELNOSA seguiría producindo derivados de cloro e sosa en Lourizán e, quen garante que non seguiría fabricando cloro coa actual tecnoloxía?

Pero resulta inaceptábel tamén o xeito en que se pretende facilitar a continuidade. A Xunta vai tramitar a renovación da AAI a ELNOSA para, na práctica, prorrogar a súa concesión en Dominio Público Marítimo Terrestre máis alá do 2018, unha prórroga que compete ao goberno central e que estaría impedida legalmente por estar aberto un expediente de caducidade da actual concesión.

Desde a APDR esiximos que se paralice esta nova agresión á nosa comarca e solicitamos aos grupos municipais do Concello de Pontevedra que manteñan unha actitude firme na defensa do interese xeral fronte aos privilexios particulares; que fagan cumprir a legalidade urbanística, e que impidan calquera posibilidade de permanencia de ELNOSA na Ría, non só para preservar o noso medio ambiente senón tamén para evitar os evidentes perigos aos que estamos expostas as persoas da comarca polo almacenamento de grandes volumes de cloro, porque ELNOSA é -e seguirá sendo aínda que mude a tecnoloxía- unha bomba ao pé das nosas casas.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print