Prezado Sr., temos lido as súas declaracións ao respecto da permanencia de ELNOSA en Lourizán, unhas declaracións que, sinceramente, parécennos lamentábeis. E non dubidamos en cualificalas deste xeito porque Vde., despois de admitir que a consolidación definitiva de ELNOSA en Lourizán depende da Xunta e do Concello, pretende pasar por riba das competencias municipais, un xeito de actuación do que temos moitas experiencias desagradábeis en Pontevedra.
Coa consabida murga de que “non estamos para perder postos de traballo” (que, por certo, só se utiliza para defender os do complexo ENCE-ELNOSA e non -por exemplo- os derivados da explotación racional da Ría e doutros sectores económicos), dáse por sentado o cumprimento da lexislación ambiental (cousa que está por ver) e déixanse nun segundo plano os aspectos urbanísticos. Porque, Sr. Rueda, é certo que “de cumprirse a lei, as licenzas non se poden negar”, pero non é menos certo que as empresas teñen que cumprir toda a lexislación, non só a medio ambiental; que teñen que cumprir tamén a normativa urbanística, e será o Concello de Pontevedra quen diga se a cumpren ou non. Os Concellos teñen competencias neste particular, por iso é inaceptábel que Vde. ameace ao Concello ao dicir “se non hai alternativas, o Concello terá que dar explicacións”. Non, Sr. Rueda, desde logo se ELNOSA non cumpre as leis, todas as leis, non poderá seguir en Lourizán, e as administracións terán que esixirlle ese cumprimento e as posíbeis alternativas.
E non debería esquecer Vde., que ELNOSA ten data de caducidade en Lourizán, e que mentres non se resolva o expediente de caducidade da concesión en Dominio Público, non se pode decidir a súa continuidade nese emprazamento. E non debería esquecer tampouco, que ELNOSA é unha fábrica perigosa polo amoreamento de enormes volumes de cloro, unha situación que non vai mudar aínda no caso hipotético de mudaren a tecnoloxía de fabricación de cloro e sosa, e que debera levar ás administracións a impedir a permanencia na Ría e noutras zonas nas que existan aglomeracións urbanas. O problema é que cando se toman decisións en función dos intereses particulares das empresas amigas por vez de facelo pensando no ben común, a razón e a Lei pasan a un segundo plano.
Sen outro particular, reciba un saúdo
Descargar nota de prensa