Resposta da APDR á Consellería de Medio Ambiente


Vimos de ler a resposta que desde a Consellería de Medio Ambiente dan á información aportada onte pola nosa Asociación e, sinceramente, sorpréndenos o grado de descoñecemento que amosan sobre un tema que -non podemos esquecer- é da súa competencia directa.

Trabúcanse cando afirman que a Autorización Ambiental Integrada (AAI) da empresa pasteira de Lourizán refírese a vertidos industriais; non é certo, a AAI refírese ás augas de vertido de ENCE que -aínda que a Consellería semella ignoralo- teñen a consideración de “augas residuais urbanas” polo simple feito de seren vertidas á Ría mesturadas coas “augas residuais domésticas” procedentes da EDAR de Os Praceres. A definición de “augas residuais urbanas” na Directiva 91/271/CE é moi clara e deberan coñecela porque esta lexislación comunitaria leva xa moitos anos trasposta á lexislación española (Decretos 509/1996 e 11/1995).

E trabúcanse tamén cando afirman que ENCE ten que cumprir a decisión europea do ano 2014monos-ence-xunta referida ás mellores técnicas dispoñíbeis (MTD). Tal e como di o Comisario europeo Sr. Vella, esta norma aplícase só no caso de vertidos directos ás augas receptoras que, como xa lle indicamos, non é o caso de ENCE. Moi ao contrario, as augas de ENCE deben cumprir as disposicións da amentada Directiva 91/271/CE porque, aínda que Vdes. insistan no contrario, as augas da fábrica de ENCE vértense á Ría ao través dunha instalación de tratamento de augas residuais urbanas.

En efecto, o emisario submarino é -en si mesmo- unha instalación de tratamento de augas residuais urbanas. Ou é que cren que o emisario é simplemente un tubo para afastar os vertidos da zona a protexer? Moi ao contrario, coa instalación de emisarios submarinos preténdese -sobre todo- optimizar a mestura e a dilución inicial dos contaminantes, por iso dótanse dunha zona de difusores, desde o punto de vista ambiental, os elementos fundamentais dun emisario. Trátase, en definitiva, dunha instalación de depuración dos vertidos, e así se desprende da Orde de 13 de xullo de 1993 que aproba a Instrución para o proxecto de condución de vertidos desde a terra ao mar que, entre outras, fixa unhas importantes condicións de dilución inicial para estas instalacións. Pero abonda con ver a definición de “sistema de depuración” que fai o Decreto 141/2012 que aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais da Galiza (“aquela parte do sistema público de saneamento e depuración de augas residuais, composto por unha estación depuradora de augas residuais e a súa condución de vertido, incluído, no seu caso, un emisario submarino”) para entender que o emisario é unha instalación de tratamento e mesmo que fai parte da EDAR de Os Praceres.

Así pois, ENCE ten que cumprir as esixencias recollidas na Directiva 91/271/CE para que sexa posíbel o saneamento da nosa Ría, e esa Consellería -que avala unha AAI moito máis permisiva- debería ser quen llo fixera cumprir esquecendo outros intereses que nada teñen que ver cos dereitos da cidadanía da comarca.

Descarga nota de prensa

Ver pregunta parlamentar e resposta da Comisión: https://www.apdr.info/documentos/Pregunta_Parlamentaria.2016.pdf

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print