Sr. Pérez,
No Diario de Pontevedra do 16 de novembro, baixo o título “La APDR contraataca”, verte Vde. unha chea de valoracións coas que non podemos concordar. Saiba que na APDR nin cremos ter a verdade absoluta de nada nin profetizamos desastre ningún; sempre falamos en base a datos oficiais.
Afirma Vde. que tras a prórroga a ENCE perdemos apoio social. Abonda con acudir á hemeroteca para ver a resposta cidadá nunha das maiores manifestacións anti-ENCE dos últimos anos e tamén que a Marcha contra Celulosas deste ano acadou maior participación que en anos anteriores.
Non é nada novo que pidamos aos colectivos que non se deixen engaiolar polas promesas de ENCE nin polas súas esmolas, nin que chamemos a atención sobre o prezo que ENCE esixe fronte a estes agasallos. Pero Vde. xustifica nuns supostos beneficios para a comarca a política empresarial de comprar colectivos sociais a prezo de saldo. Semella que descoñece que ENCE non da nada de balde; que esixe silencio cando non fidelidade. E, evidentemente, situarse nunha posición de defensa dos intereses de ENCE ten un custe social e ninguén que adopte posicións contrarias ao saneamento da Ría, á explotación racional dos seus recursos e á das potencialidades do monte galego, pode agardar solidariedade da APDR. Porque a defensa dos postos de traballo derivados desta explotación racional é incompatíbel coa defensa de ENCE no seu actual emprazamento. E, por favor, non sexa simplista! Non se trata de que a APDR aporte cartos aos colectivos sociais! Nós tampouco somos alleos ás dificultades económicas, pero todos os nosos ingresos proceden, exclusivamente, das cotas das case 600 persoas asociadas e da venda de material publicitario.
Chama poderosamente a atención que sendo Vde. xornalista, descoñeza que temos presentado varios recursos contra a concesión desta prórroga e que -como consecuencia dunha denuncia nosa- o Tribunal Europeo condenou ao estado español polo incumprimento na Ría da Directiva 91/271/CE de augas residuais urbanas, directiva que -contrariamente ao que manteñen empresa e Xunta- ten que cumprir ENCE. Debería coñecer tamén a resposta parlamentar da Comisión de Medio Ambiente da UE que confirma este particular.
En que pasado estamos ancorados? No caso de ENCE, pasado e presente son moi semellantes, ou pensa Vde. que os seus vertidos cumpren a lexislación? E, a que rigorosos controis por parte das administracións se refire? debería saber que a Xunta só realiza unha inspección anual destes vertidos e que o resto dos datos proceden de autocontrois da propia empresa. En calquera caso, con estes datos na man, pódese afirmar con rotundidade que ENCE incumpre a Directiva comunitaria, un aspecto que estamos abertos a discutir con Vde. E o mesmo dicimos respecto da presenza de bacterias coliformes neses vertidos.
Por iso sorprende que nos recomende poñer o foco no saneamento da Ría e non na contaminación de ENCE; porque é imposíbel falar de saneamento sen falar de ENCE. Porque todos os vertidos, domésticos e industriais, provocan a perda de calidade das augas de baño e cultivos mariños, pero os de ENCE -tanto polo volume como pola carga contaminante- son incompatíbeis co saneamento. Só eliminando os vertidos directos, separando augas fecais das pluviais, depurando todos os vertidos domésticos en depuradoras ben dimensionadas e eliminando o vertido de ENCE-ELNOSA ,será posíbel a explotación racional da Ría.
Sinceramente, baixo o aséptico “que se cumpran as leis”, repite Vde. o discurso de ENCE tratando de desviar a atención cara aos vertidos domésticos; pero nós sabemos que uns e outros incumpren a Lei e, fronte ao discurso da resignación que Vde. propón, preferimos a suposta utopía de loitar por unha Ría sen ENCE-ELNOSA.
Descargar nota da APDR.