Alegamos contra a concesión de autorización ao emisario de Lourizán


emisario2

O pasado día 15 de novembro, a APDR presentou alegacións á solicitude de autorización de vertido ao través do emisario submarino existente en Lourizán, solicitude cursada por Augas de Galicia e coa que se pretende dar cumprimento á obriga contraída coa Subdirección General de Dominio Público Marítimo Terrestre tras a declaración da caducidade da concesión do amentado emisario.

Neste sentido, entendemos na APDR, que o organismo autónomo debería ter solicitado a concesión de ocupación en Dominio Público Marítimo Terrestre (en adiante DPMT) para o emisario e non unha autorización de vertido para as augas residuais urbanas; así consta no proxecto presentado á exposición pública, que di con claridade que se trata de “obter a concesión de ocupación do DPMT do emisario de Praceres”, un emisario preexistente que recolle -desde 1990- as augas de orixe urbano tratadas na EDAR dos Praceres xunto cos vertidos procedentes do complexo ENCE-ELNOSA. Esta simple incongruencia é -ao noso xuízo- motivo abondo para que a Administración non considere tal solicitude En calquera caso, a solicitude estase a facer fóra do prazo de 3 meses concedido para este particular polo Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, o que invalidaría por si mesmo a citada solicitude.

Resulta significativo tamén, que entre o proxecto inicial do emisario e o exposto agora á información pública, existan diferenzas no que fai á lonxitude soterrada e ao número e disposición dos difusores, ate o punto de que semella que se está a falar de dous emisarios distintos.

Porén, non son estas cuestións “formais” as que resultan mais preocupantes. Non queda claro no proxecto cal vai ser a utilidade futura deste emisario que –quedou probado- non resolveu os problemas dos vertidos á Ría. E todo o mundo semella concordar agora en considerar que o punto elixido para o vertido final na Ría, situado ao SO da illa de Tambo, non foi correcto. Dásenos agora a razón aos que alegamos daquela neste sentido en base ás recomendacións do Informe SCORP sobre a contaminación da Ría de Pontevedra elaborado polo Instituto Español de Oceanografía. Resulta clarificadora neste sentido, a posición adoptada na actualidade pola Xunta de Galicia que (de acordo co recollido nos medios de comunicación) no seu novo plan de saneamento, propón levar os vertidos da EDAR a zonas con maior profundidade e maior dilución dos efluentes, ben sexa mediante a construción dun novo emisario ou ben coa prolongación do actual. Que sentido ten, xa que logo, solicitar agora a concesión en Dominio Público dunha estrutura que se sabe inútil para a finalidade perseguida? Permitiráselle a ENCE seguir contaminando ao través deste emisario que se admite ineficaz?

Doutra banda, a decisión adoptada daquela de aceptar a solución proposta para o emisario pola empresa CIISA, fíxose en base a estudos de dispersión que só consideraron dous parámetros: a cor (procedente dos vertidos de ENCE) e a contaminación fecal (medida en base á concentración de Escherichia coli) por entender -de forma errada- que eran os únicos contaminantes críticos na Ría. Sería necesario agora facer novos estudos para a materia orgánica e mercurio antes de decidir a autorización solicitada. Non esquezamos que a contaminación na Ría e os danos na flora e fauna continuaron existindo -e mesmo medrando- logo do uso do emisario, como quedou probado en distintos informes da época e na sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, que condenaba no 2002 a ENCE e ELNOSA pola comisión dun delito ecolóxico continuado.

E débese garantir, previamente a calquera autorización de vertido, que as augas que entren no emisario cumpren a lexislación, cousa que non ten ocorrido ate agora. E tanto os vertidos de ENCE como os da EDAR teñen consideración de augas residuais urbanas e deben cumprir -entre outras normativas- o establecido na Directiva 91/271/CE. Convén lembrar aquí a sentenza do Tribunal de Xustiza europeo que condenou ao Estado español polo incumprimento da citada directiva nas aglomeracións da Ría (entre as que considera tamén a ENCE) ou a resposta do Comisario Europeo de Medio Ambiente Sr. Vella á pregunta parlamentar do deputado Josu Juaristi que deixa claro este particular. E deben cumprir tamén as normativas relativas á contaminación microbiolóxica. Neste sentido, antes de calquera autorización, habería que adecuar a actual AAI de ENCE –que non considera hoxe a contaminación por coliformes- á lexislación ambiental vixente.

En base a estes defectos de forma e razóns medio ambientais, esiximos que se denegue a autorización de vertido solicitada desde Augas de Galicia –sexa para vertidos da EDAR ou para os de ENCE- e a concesión en DPMT para o emisario, pois só así se poderá impedir os efectos negativos que unha decisión favorábel tería sobre a calidade das augas da Ría de Pontevedra, cuxa vocación natural é o baño e os cultivos mariños.

Descargar nota de prensa.

augas-residuais-urbanas2modif3b

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print