Novo capítulo de corrupción en Lourizán


Seguindo a súa liña de actuación, baseada na defensa do beneficio propio e o dos seus amigos, a Xunta de Galicia vén de conceder unha prórroga dun ano á electroquímica ELNOSA que lle vai permitir seguir fabricando cloro, sosa e derivados na factoría de Lourizán ate finais do ano 2017. Trátase dunha volta de torca máis no proceso de corrupción ambiental que o Partido Popular ten iniciado hai xa moitos anos coa concesión de prebendas ás fábricas do complexo ENCE-ELNOSA, e non se pode desbotar a posibilidade de que se poidan dar novas prórrogas que retrasen “sine die” o peche definitivo da actividade industrial da cloreira na Ría. E non debemos esquecer que a actividade de ELNOSA non só é ilegal por non ter cumprido os prazos fixados pola UE para abandonar o uso do mercurio na produción do cloro e a sosa, senón que é altamente perigosa para a Ría, a saúde e as vidas da cidadanía da comarca. ELNOSA é unha bomba de reloxería ás portas da comarca de Pontevedra, da Ría, unha bomba que en calquera momento pode provocar un desastre de magnitude incalculábel.

Como ten sucedido no caso de ENCE, o PP non tivo o valor de facer pública esta decisión antes das eleccións do pasado 25 de setembro; e tamén como naquela ocasión –na que o PP ten beneficiado directamente aos seus militantes previamente colocados no Consello de Administración da empresa- neste caso unha das persoas favorecidas pola decisión agora adoptada é Dna. Amaya Echevarría Moreno, alto cargo de ELNOSA e irmá da Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia, casada como xa temos dito en multitude de ocasións co actual director da fábrica de ENCE en Pontevedra. Todo queda na casa!

Desde a APDR imos tratar de impedir por todos os medios ao noso alcance que esta inxusta decisión vaia adiante; neste sentido, imos actuar tanto pola vía administrativa como pola xudicial, e –ao tempo- imos insistir na necesidade de declarar a caducidade da concesión de ELNOSA, un proceso aberto hai xa varios meses e no que o Goberno español está a actuar cunha absoluta falta de transparencia. Como primeiro paso e de forma urxente, conscientes da importancia da mobilización social, facemos un chamamento á cidadanía para que exprese o seu rexeitamento á permanencia de ELNOSA en Lourizán e a este xeito de actuar do PP, concentrándose o vindeiro VENRES 30 ás 20:30 horas na zona peonil existente diante da Audiencia Provincial, xunto á sede provincial do Partido Popular.

Pontevedra, 28 de setembro de 2016

Ver nota da APDR.

Ver convocatoria de concentración. Ver Diario de Pontevedra, Galicia confidencial, La Región, PontevedraViva (1, 2 e 3), La Voz de Galicia, Sermos Galiza. Ver foto de Mónica Patxot en PontevedraViva, de R. Leira na Voz de Galicia, de R. Vazquez en Faro de Vigo e de GaliZacontrainfo.

30-09-2016

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print