Cada 21 de setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores xa que as plantacións forestais monoespecíficas progresan en todo o planeta, sobre todo en países pobres, para satisfacer as necesidades de madeira, fibra e enerxía, sobre todo dos países máis ricos. As superficies dedicadas aos monocultivos para a produción de pasta de papel seguen a aumentar a nivel planetario e tamén cultivos enerxéticos para a alimentar plantas de produción de electricidade ou, nomeadamente de palma aceiteira, para elaborar biocombustibles.
Galicia non é unha excepción e os monocultivos levan xa anos expandíndose nunha tendencia que non parece que vaia a modificarse a non ser que se produza un claro cambio de rumbo na política forestal que desenvolve a Administración. A superficie ocupada por monocultivos de eucalipto, promovidos fundamentalmente pola empresa ENCE, aumenta estendéndose cara a superficies nas que existían ecosistemas naturais ou cultivos agrarios destinados á produción de alimentos para as persoas ou o gando; ademais agora, a introdución dunha nova especie, Eucaliptus nitens, máis adaptada ás condicións de altitude, disparará a expansión cara zonas onde antes non atopabamos estas árbores. A degradación asociada a estes monocultivos tamén vai en aumento na medida en que, aparte de afectar a áreas cada vez maiores, as técnicas de forestación son cada vez máis agresivas provocando degradación de solos tanto mecánica polo uso de maquinaria pesada, como química polo uso cada vez máis frecuente de agrotóxicos.
Os monocultivos de árbores están a transformar a nosa paisaxe cultural e ecolóxica e o eucalipto é xa a especie que ocupa unha maior superficie nos nosos montes na que xa predominan as especies foráneas. Pero non so producen efectos paisaxísticos, os monocultivos de eucaliptos dan lugar a unha transformación ambiental, económica e social; a dependencia dun único produto está a dificultar a supervivencia das comunidades rurais, a reducir a biodiversidade, a favorecer a expansión dos incendios forestais e a destrución de solo fértil.
Na Asociación Pola Defensa da Ría vemos con extrema preocupación esta expansión dos monocultivos en Galicia e consideramos necesario un cambio orientado á defensa do Medio Rural que garanta a súa sustentabilidade futura. Neste sentido resulta necesario frear a ocupación de terras agrarias por monocultivos de eucalipto e recuperar as xa ocupadas para garantir a produción de alimentos e a conservación da actividade agrícola e gandeira, terminar cos monocultivos de eucalipto en espazos protexidos e frear a expansión destas especies invasoras e produtoras de combustible que favorecen a expansión dos incendios forestais. A APDR está a solicitar a prohibición das plantacións de Eucaliptus nitens e denunciará calquera plantación nova desta especie; mobilizarase para evitar a proliferación dos cultivos enerxéticos priorizando o uso da biomasa para restituír a materia orgánica e os nutrientes ao solo, así como a compostaxe. É necesario ademais afrontar o novo escenario para os nosos montes que permite prever o cambio climático e neste novo escenario os monocultivos de árbores exóticas, pirófitas e con capacidade invasora supoñen un elevado risco, sendo necesario recuperar as nosas árbores autóctonas e as formacións cunha alta biodiversidade e unha grande riqueza de produtos e servizos.
Pontevedra, 20 de setembro de 2016