ENCE-XUNTA: perversa alianza contra o clima


Sorpréndennos hoxe as noticias cunha nova campaña propagandística de ENCE e o Partido Popular. Ángeles Vázquez, segundo din a Conselleira encargada de velar polo medio ambiente na nosa comunidade, asinaba con ENCE en Lourizán a “adhesión da empresa pasteira á Alianza polo Clima de Galicia”. Seica ENCE vai coidar do noso medio ambiente, da súa mellora, e mesmo vai por freo aos efectos do cambio climático na nosa comunidade. E a Xunta de Galicia avala que o raposo exerza de gardián das galiñas!

ENCE, que ten moi boa parte da responsabilidade na emisión de gases de efecto invernadoiro na Galiza, que ten responsabilidade directa, indirecta e inducida na eucaliptización dos nosos montes, nos incendios forestais, e na destrución da nosa Ría (con todo o que iso implica a nivel social, económico e medio ambiental,…), vai exercer agora xunto coa nosa Conselleira -que non perde a oportunidade de loubar á empresa polos seus avances no tratamento sustentábel dos nosos montes e de non sei cantas cousas mais- de garante do noso benestar, da nosa calidade de vida e da loita contra o cambio global….

Se resulta noxento para quen sabemos que significa ENCE en Pontevedra, ter que aturar unha nova iniciativa mentireira e propagandística da dirección empresarial, máis grave resulta ter que soportar a actitude neglixente e irresponsábel da Xunta de Galicia que practica a defensa a ultranza dunha empresa que segue incumprindo a lexislación ambiental, que segue destruíndo emprego, causando molestias á veciñanza e que hai tempo que -coa lei na man- tiña que ter cesado a súa actividade industrial en Lourizán; resulta intolerábel, con efecto, observar esta actitude de submisión a ENCE, unha actitude que vén de vello e para a que, con seguridade, Partido Popular e a Xunta de Galicia atoparán “ensobradas” razóns.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print