Cal é o verdadeiro obxectivo da manifestación a favor de ENCE?


Vaia por diante que os traballadores de ENCE, como os de calquera outra empresa, teñen todo o dereito do mundo a mobilizarse por algo que consideran xusto! Pero que o poidan facer non quere dicir que teñan razón nos argumentos esgrimidos nin na estratexia utilizada. Porque nin o futuro de Pontevedra, nin o dos seus postos de traballo, pasa por manter ENCE na Ría!

Porque, se o que realmente queren é defender o seu dereito a traballar -un dereito que supoño ninguén poñerá en dúbida- equivócanse de cheo ao esixir a permanencia de ENCE en Lourizán. Equivócanse porque defendendo a permanencia en terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT), están a defender algo que non só é ilegal senón que vai contra o interese xeral que, máis pronto que tarde, vai ser recoñecido; están a defender os intereses de ENCE e non os seus postos de traballo que, por certo, impórtanlle ben pouco aos directivos da empresa. Fai falta lembrar que ENCE ten dito en multitude de ocasións que se non pode quedar en Lourizán, iría a outro país onde a man de obra e a madeira sexan máis baratos?

A defensa do seu traballo, pasa por esixirlle a ENCE (hai tempo que tiñan que telo feito!) que adopte a única posición que pode resolver o problema, o cambio de emprazamento e o mantemento de todos os postos de traballo, un cambio de emprazamento que -a diferencia do que ocorre en Lourizán- non pode supoñer a perda dos postos de traballo noutros sectores nin o deterioro do medio ambiente, os recursos naturais e a saúde das persoas.

E o futuro de Pontevedra tamén non vai vir da man da presenza de ENCE na Ría. Moi ao contrario, ENCE é o freo para ese futuro, un futuro que pasa pola diversificación de usos dos nosos montes, hoxe sometidos ao monopolio do eucalipto, e pola explotación racional dos recursos marisqueiros e turísticos da Ría, estragados por tantos anos de vertidos ilegais. Porque non é certo que a saída de ENCE de Lourizán provoque a perda dos postos de traballo de quen cortan eucaliptos ou os transportan até a fábrica! Saben perfectamente que mesmo se ENCE cumpre a súa ameaza de abandonar o país para establecerse nun lugar onde a man de obra e o prezo da madeira sexan máis baratos, esa madeira -en tanto non se estableza un novo modelo de desenvolvemento dos nosos montes e a desexada diversificación dos seus usos- seguiríase cortando e transportando para a súa transformación noutras instalacións e noutros usos. E saben tamén que fronte á masiva eucaliptización dos nosos montes, existen alternativas forestais con madeiras de moito maior valor engadido e xeradoras dun maior número de postos de traballo.

Para ENCE, todo vale con tal de acadar o seu propósito de continuar de forma ilegal en Lourizán e seguir gozando dos privilexios que ten no seu actual emprazamento! E coa vista posta neste obxectivo, non dubida en exercer presión sobre as administracións e a cidadanía ao tempo que difunde información inaceptábel ao respecto da imposibilidade de acometer o traslado a outro emprazamento alternativo. Ese, e non outro, é o verdadeiro obxectivo da manifestación! E os traballadores, por desgraza, son groseiramente manipulados pola empresa para agochar os seus verdadeiros intereses!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print