Resposta da APDR ao Vicepresidente Rueda


Sr. Rueda, temos lido as súas declaracións sobre a situación creada en Pontevedra logo das inaceptábeis palabras do Sr. de Colmenares, presidente de ENCE, e debemos indicarlle que aínda que non nos sorprenden, déixannos máis preocupadas do que xa estabamos.

En primeiro lugar porque non fai Vde. nin o máis mínimo reproche ao Sr. de Colmenares, nin por ter admitido exercer presión sobre o Secretario de Estado para mudar a Lei de Cambio Climático (en adiante LCC) en beneficio da súa empresa, unha actitude absolutamente antidemocrática, nin por ter admitido que, sabedor de que o estado das instalacións da empresa poden causar “en calquera momento un susto maiúsculo medio ambiental que pode afectar ás persoas”, non vai facer as inversións necesarias para impedilo nin vai decidir o cese inmediato da actividade en evitación do perigo, dúas actitudes que poderían ter implicacións penais e que Vde. semella compartir.

Pregúntase se o Sr. Meijón fala con ENCE, para afirmar de seguido que Vde. e o PP si que o fan. Claro que falan Vdes. con ENCE, Sr. Rueda, falan con eles pero tamén falan “por eles” cando a situación así o require! Lembra cando foi Vde. representando á empresa a falar coa Deputación para tratar de conseguir a cesión do Pazo de Lourizán para que puidesen instalar alí o seu centro de investigación sobre o eucalipto? Lémbrase da alporizada reacción do Presidente Feijóo cando coñeceu a noticia de que o Goberno español decidía achantarse fronte aos recursos na Audiencia Nacional? Dirémosllo nós por se esqueceu xa aquel vergoñento episodio: “Esto no se nos puede hacer a nosotros!” Como non van falar con eles, se Vdes. identifican os intereses de ENCE cos do Goberno galego!

E polo que fai ao artigo 18 da LCC, descoñece Vde. que a Lei de Costas vixente, elaborada polo seu partido no 2013, e a Lei de Patrimonio do Estado, establecen os mesmos límites temporais que se fixan neste artigo e imposibilitan a permanencia de ENCE no seu actual emprazamento? Pódese entender que ENCE pretenda quedar de forma ilegal na Ría, pero Vdes., en lugar de admitir a súa máxima de “o en Lourizán o fuera de Galicia”, deberían velar polo cumprimento da Lei e obrigarlle a acometer un traslado a outra zona onde, con outra tecnoloxía, non provoque os problemas que causa na Ría. Porque Vde. debería ter clara cal é a diferencia entre o dominio público e a propiedade privada.

E, por favor, non nos veña con chantaxes emocionais! Da perda do emprego e inversións só ten a culpa a empresa e o PP, que amparou o incumprimento da lexislación a unha fábrica obsoleta que tería que ter abandonado Lourizán hai tempo evitando a perda dos postos de traballo que agora se pode producir; e tampouco nos diga que “ENCE cumpre escrupulosamente a lexislación”, porque iso mesmo dicían Vdes. hai anos, e a xustiza condenou á empresa pola comisión, entre outras cousas, dun delito ecolóxico.

Mire unha cousa, Sr. Rueda; deixe de finxir a súa preocupación polas instalacións do “complexo mar-industria”, porque ten que saber que as concesións das instalacións de acuicultura regúlanse pola Lei de Pesca de Galicia e non pola Lei de Costas ou a LCC, e que aquelas outras que, como as conserveiras, están afectadas por esta última lexislación, deben cumprir a lei como calquera outra empresa e asumir o cambio de emprazamento, un obxectivo que tiñan que ter cumprido con anterioridade ao fin da prórroga concedida no seu día pola Lei de Costas.

A realidade, Sr. Rueda, é que a política do seu partido respecto a ENCE, limítase á asunción submisa dos intereses empresariais, que antepoñen Vdes, á defensa do interese xeral. Por iso, só por iso, defenden que poidan permanecer en Lourizán; todo o demais é pura propaganda!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print