Sábado 12 de xaneiro: Concentración na Peregrina contra a ampliación da depuradora


A “Asociación Pola Defensa da Ría” de Pontevedra (APDR), apoiamos e participamos na concentración do SÁBADO 12 ÁS 18H na PRAZA DA PEREGRINAdo  convocada pola “Plataforma NON Á AMPLIACIÓN DA DEPURADORA DE OS PRACERES” de Lourizán.

Para a APDR, o saneamento da Ría non precisa da ampliación da EDAR de Os Praceres, senón dun plan moito máis ambicioso que, de levarse adiante, non requiriría da depuradora prevista pola Xunta de Galicia para o ano 2023.

Tal como expuxemos xa nas nosas alegacións contra o anteproxecto de novo emisario e das obras a realizar na actual EDAR de Os Praceres, o saneamento da Ría pasa por:

1.- A mellora da rede de saneamento, evitando así a entrada de auga do mar e da chuvia que non deberían entrar na EDAR.

2.- Redimensionar a EDAR de Os Praceres, sen dar por feito a imposibilidade de instalar novas depuradoras para as augas do Porto, do Concello de Marín e o Concello de Poio.

3.- Modificar a tecnoloxía hoxe existente na EDAR de Os Praceres, e facelo en función da calidade da auga do seu vertido e non -como no anteproxecto presentado agora- en función de criterios económicos, ou do tempo de realización das obras.

4.- Garantir que as augas que saen da EDAR de Os Praceres cumpran -á entrada do emisario- as esixencias da Directiva 91/271/CE para materia orgánica (DBO, DQO e SS) e para nutrientes (N2 e P) e a lexislación para augas de cultivos mariños e de baño.

5.- Eliminar o vertido da empresa ENCE.

E para levar adiante este saneamento, non sería preciso ampliar a actual depuradora.

Neste sentido, a APDR oponse aos plans da Xunta de Galicia para a EDAR de Os Praceres e coincide cos obxectivos da Plataforma veciñal de Os Praceres e, xa que logo, da Concentración do sábado en Pontevedra. Animamos a toda a cidadanía da comarca de Pontevedra a asistir á Concentración e a esixir uns plans de saneamento que sexan algo máis que un intento de xustificar inversións diante da Unión Europea e frear a sanción imposta desde instancias comunitarias.

Ver tamén nota das alegacións presentadas recentemente: http://www.apdr.info/wp/2018/12/30/a-apdr-presenta-alegacions-contra-as-obras-na-edar-de-os-praceres/

 

  • Ver vídeo do comezo da concentración coa colocación das “cruces” de “Os Praceres”:

  • Ver texto lido pola “Plataforma Non a ampliación da depuradora dos Praceres”:

MANIFESTO.lido.12.01.19 (documento en pdf)

  • Ver vídeo coa lectura da APDR:

  • Ver vídeo da V de G coa cadea humana rodeando a Peregrina como remate da concentración:

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print