Rexeitada no Parlamento a ILP na defensa do Bosque galego


Dende a Comisión Promotora, integrada por representantes da Alianza por un Rural Galego Vivo (ADEGA, CIG, FRUGA e a ORGACCMM) e as organizacións da Rede Cousa de Raíces (como a propia APDR e a Federación Ecoloxista Galega), queremos agradecer aos grupos políticos que apoiaron esta ILP (BNG e En Marea) a súa preocupación e sensibilidade cara a preocupante situación dos nosos montes en particular e do rural galego en xeral. Vaia por diante tamén o agradecemento ás máis de 40.000 persoas que manifestaron o seu compromiso e entusiasmo en defensa dos nosos bosques, ás que dende as organizacións promotoras aseguramos que non imos renunciar a un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel.

O PP seguíu o guión agardado e impuxo o seu voto contrario á ILP, fiel ao modelo que dende a patronal pasteiro-enerxética impoñen dende hai décadas. Coa excusa da súa “inoportunidade” e ao fío das conclusións da Comisión Parlamentar dos Lumes, nas que fían coma un dogna de fe, o representante do PP señor Blanco artellou a súa intervención arredor do eucalipto. Malia a que como relatou a poñente esta non era unha ILP contra o eucalipto senón a favor do bosque autóctono, o PP teimou en defender as bondades desta árbore, mesmo cuestionando o seu carácter invasor (“o eucalipto non rebrota”) e pirófilo (“o eucalipto non arde”).01.mesa.17.01.18-1

Máis inesperada e sorprendente foi a abstención do PSOE, fundamentada nas dúbidas sobre a “oportunidade” da iniciativa e en discrepancias co contido, que tampouco non foron explicadas. Ao igual que o PP, fían a solución dos problemas do monte ás conclusións da Comisión dos Lumes, que votaron a favor xunto co PP, e ás e receitas dos expertos nela consultados. Semella que despois de 40 anos fronte á evidencia, o grupo socialista segue debatendo se eucaliptos ou piñeiros, mentres os nosos bosques esmorecen e o rural despobóase. Ao PP tenlle saído un novo aliado nas súas políticas eucaliptizadoras e ruralicidas, para maior gloria de ENCE.

A voceira da Comisión promotora Virxinia Rodríguez insistíu na necesidade de abordar con decisión un problema que todos recoñecen, e que semella moi poucos queren afrontar. Non abonda cun novo Plano Forestal se valida o fracaso do anterior e non corrixe os resultados de 40 anos de eucaliptización. Os nosos bosques merecen máis valentía por parte dos responsábeis políticos para asumir os erros e corrixilos, en troques de tentar ignoralos. Por segunda vez en 30 anos o Parlamento de Galiza dá as costas ao futuro do monte galego.

Agardemos que dentro doutros 30 haxa aínda algún bosque que protexer.

A Comisión Promotora da ILP, novembro de 2018.

Ligazóns

Descargas

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print