A APDR vén de presentar alegacións á renovación do Plan Forestal Galego


Simbolo

Atopándose en exposición pública a 1ª renovación do Plan Forestal Galego (PFG) e o seu Estudo de Avaliación Ambiental Estratéxica, a APDR vén de presentar alegacións moi críticas con ambos documentos. O orixinal Plan Forestal Galego aprobouse en 1992 e nunca chegou a levarse a cabo; agora, despois de 24 anos de incumprimento, a Consellería do Medio Rural iniciou o proceso de elaboración deste renovado PFG.

A análise dos documentos sometidos a exposición pública resulta absolutamente decepcionante e amosa unha grave irresponsabilidade por parte dos seus promotores. A Administración desaproveita a oportunidade de mudar o rumbo da política forestal, que tantas perdas está a provocar, para entregar os montes ás prácticas máis depredadoras, ao monocultivo de especies produtoras de combustible e invasoras, e condena ao monte galego a seguir ardendo e degradándose.

Para empezar, os datos do 4º Inventario Forestal Nacional, nos que se basea o novo PFG, corresponden aos anos 2008 e 2009, polo que se pode considerar que están desfasados, e máis se temos en conta que nestes últimos anos tense producido unha modificación importante das superficies debido a factores como a proliferación de incendios ou o abandono de miles de explotacións agrícolas e gandeiras nas que na metade da súa superficie pasan a ser ocupadas por plantacións de eucaliptos. Queda claro que a superficie de 288.000 hectáreas desta árbore, da que supostamente se parte, xa está amplamente superada.

Así, a pesar de que en boa parte do plan se utiliza unha linguaxe ambientalista, na realidade, este plan propón medidas que están orientadas a favorecer á industria que demanda madeira de baixo prezo para pasta de papel, taboleiro ou para queimar e producir calor e enerxía eléctrica, sendo esta última actividade (asociada á biomasa pero non sempre sustentábel), a que se vai ver claramente favorecida.

Para atender á industria, nomeadamente a ENCE que -de aplicarse este novo plan- vai ser a principal beneficiaria, déixanse de lado obxectivos de futuro como a conservación da biodiversidade e dos solos fértiles, o de acadar unha solución definitiva ao risco de incendio ou o de frear o abandono do medio rural e favorecer a absorción de CO 2 para a mitigación do cambio climático. Así, o PFG renuncia a conseguir un monte funcional que proporcione diversidade de usos e produtos xa que só se destinarán a esta finalidade o 30,81% do monte produtivo, quedando o resto para os monocultivos ao servizo da “industria”. Dentro destes monocultivos pretende ampliarse en 25.000 hectáreas a superficie dedicada ao cultivo de eucaliptos, árbores consideradas como invasoras perigosas polo comité científico do Ministerio de Medio Ambiente, e os piñeirais, potentes pirófitas que favorecen a expansión dos incendios, en 95.000 hectáreas. O resultado será un monte arborado máis combustible, máis pobre e máis degradado ambiental e socialmente.

Pero o plan forestal non avalía as consecuencias previsibles da súa aplicación, que, en primeiro lugar, serán desastrosas ambientalmente, e que van favorecer a propagación do lume cunhas perdas de solo e biodiversidade de grande magnitude.

Tampouco inclúe un estudo de custo-beneficio que permita saber si o que se inviste no monte ten os suficientes retornos para a sociedade, pero todo indica que o importante esforzo económico que se realiza, dedicado en gran medida á extinción de lumes forestais, non vai supor un beneficio equiparable na sociedade, e que será a industria, principalmente ENCE, quen concentrará este beneficio. Diante da catástrofe que suporía a aplicación deste renovado Plan Forestal Galego a APDR vén de solicitar a súa retirada da tramitación e a redacción dun novo plan que responda a verdadeiros criterios de sustentabilidade.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print