Xuntanza da APDR en Madrid con instancias gobernamentais e ministeriais


IMG-20180920-WA0000

Delegación da APDR con Carlos de la Rocha. Complexo da Moncloa Foto: APDR

IMG-20180920-WA0001

Delegación da APDR nas portas do Ministerio para la Transición Ecológica. Foto: APDR

Tal como tiña informado a APDR hai uns dias, unha delegación da asociación ecoloxista, constituída polo seu Presidente, Antón Masa, e o Vicepresidente, Benito Andrade, mantivo este xoves 20 de setembro dúas importantes reunións con distintas instancias do goberno do PSOE en Madrid na que se discutiron distintos aspectos sobre a situación actual de ENCE e ELNOSA no que á permanencia en Lourizán se refire. En ambos casos, a APDR entregou un amplo dosier no que se recolle distinta información no que fai aos procedementos de caducidade de ENCE e ELNOSA e ao da prórroga de ENCE, e no que a asociación fai unha pormenorizada discusión sobre distintos aspectos relativos a estes procedementos.

En primeiro lugar, a APDR entrevistouse co Director do Departamento de Asuntos Económicos de Presidencia, Manuel de la Rocha, no Complejo da Moncloa, unha reunión de traballo na que participaron expertos do citado departamento e, posteriormente, coa Directora General de Sostenibilidad de la Costa y Mar, Ana María Oñoro e funcionarias do seu gabinete.

E, a pesares de que en boa medida parte da información recollida onte en Madrid pola APDR fora desvelada na tarde do mércores polo PSOE local pontevedrés, a APDR fai unha valoración moderadamente positiva de ambas reunións de traballo.

Con respecto a ELNOSA, en ambos estamentos gubernamentais entendeuse a posición defendida pola APDR no sentido de que o pasado 29 de xullo extinguiuse o seu dereito de ocupación do dominio público en Lourizán, e confirmouse que existen causa evidentes de caducidade que van dar lugar á resolución definitiva do expediente de forma positiva para os intereses da asociación e de quen aspiramos á recuperación da Ría. En calquera caso, manteñen a posición de que a Administración ten a obriga de rematar a tramitación do expediente de caducidade, un aspecto no que temos diferencias evidentes na asociación e para o que agardan unha resolución contraria aos intereses da electroquímica nun prazo de tempo que aseguran vai ser curto. Esta resolución conlevaría a liberación dos terreos e a súa ocupación pola Administración. Así mesmo, afirmaron que tratarán de conseguír que se reconsidere a nosa situación no sentido de que se nos teña por parte interesada neste expediente, unha situación que consideran irregular, e posibilitarán o noso acceso ao expediente de caducidade, un particular que se nos veu negando ata o momento.

Polo que fai á situación de ENCE, insisten na dificultade que supón intervir pola vía administrativa nunha situación que xa está xudicializada, pero manteñen esperanzas de que a resolución dos recursos existentes na Audiencia Nacional, poidan dar un xiro que facilite a resolución favorábel á defensa do medio ambiente e remate coa desaparición da empresa do seu actual emprazamento. A raíz das nosas explicacións e da discusión sobre aspectos recollidos no dosier facilitado pola APDR, un dosier que en ambos casos consideraron de enorme utilidade pola súa claridade na exposición e polo riguroso das súas propostas e explicacións, a Directora Xeral afirmou quedar convencida de que se teñen cometido numerosas irregularidades tanto na resolución do expediente de caducidade de ENCE como no procedemento de concesión da prórroga de 60 anos, e que, nese sentido, confían en que se poidan solventar de forma positiva pola vía xudicial.

Así as cousas, e a pesar de que existen evidentes diferencias entre as nosas posicións e as manifestadas polos representantes da Administración do Estado nestas reunións de traballo, na APDR manifestámonos satisfeitas do traballo desenvolvido nesta xornada, un traballo que supón un paso máis na nosa aposta decidida pola desaparición do complexo ENCE-ELNOSA da Ría, unha aspiración para a que -con seguridade- seguirá sendo fundamental a mobilización social.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print