Presentamos alegacións na revisión da AAI de ELNOSA


34268238334_f8c75780d1_o_br

O pasado día 1 de setembro, APDR presentou alegacións á revisión da AAI de ELNOSA coa que a fábrica de cloro-álcali pretende permanecer en Lourizán máis alá de xullo de 2018, data na que caduca a súa concesión en terreos de dominio público marítimo-terrestre.

Logo dun extenso razoamento sobre os antecedentes da fábrica, no que se aborda o estado das súas instalacións, obsoletas en moitos casos, a situación ambiental e o perigo real para o medio e as persoas, faise un repaso da situación de ELNOSA no que a lexislación ambiental se refire. Neste sentido, ponse sobre a mesa a irregularidade da súa AAI, concedida polo goberno bipartito da Xunta no ano 2008 e renovada no 2011 polo Partido Popular.

As alegacións ao procedemento de revisión da AAI, preséntanse en dous grandes bloques; nun primeiro, abórdanse cuestións de carácter xeral que afectan ao procedemento elixido pola Xunta para a tramitación e que supoñen -ao noso xuízo- a nulidade de pleno dereito por terse prescindido total e absolutamente do procedemento legalmente establecido para o caso que nos ocupa (Lei 39/2015, do procedemento administrativo). En efecto, defendemos na APDR que a proposta de ELNOSA supón un CAMBIO SUBSTANCIAL DAS INSTALACIÓNS (trátase, de feito, dunha nova fábrica), o que esixe a aplicación dos artigos 14 e 15 do Regulamento 815/2013 polo que se aproba o Reglamento de emisiones industriales y de desarrollo de la Ley 16/2002 de Prevención y control integrados de la contaminación. Porque estes cambios supoñen un aumento da produción e almacenamento de cloro, dos volumes de vertido de DQO, SS, N e P ao medio mariño e das emisións de cloro ao ar e, xa que logo, maior incidencia sobre a seguridade, a saúde das persoas e o medio ambiente. Pero, ademais, o aumento do caudal de vertido, que pasaría dos 55.000 m3/ano autorizados na AAI vixente aos 68.500 m3/ano previstos no Proxecto actual, xunto ao aumento no consumo de auga do Lérez superior ao 50% (pasaríase dos 171.516 m3 anuais consumidos na actualidade, aos 300.000 previstos no novo proxecto), avala de cheo a tramitación pola vía dos cambios substanciais que, entre outras cousas, esixe a tramitación do Informe de compatibilidade urbanística do Concello de Pontevedra e outro Informe que acometa o estado ambiental do lugar no que se empraza a instalación e os impactos previstos coa modificación substancial que se pretende levar adiante.

Pero, no caso de ELNOSA concorren, ademais, unhas circunstancias especiais; ELNOSA ten aberto un expediente de caducidade da concesión polo Ministerio de Medio Ambiente e, aínda que se trata de procedementos independentes, a repercusión que pode ter un no outro é evidente e non só no caso dunha decisión contraria á permanencia de ELNOSA en Lourizán por parte do Ministerio. O Real Decreto 876/2014, polo que se aproba o Reglamento General de Costas, no artigo 172.3 do Título VII, di que “las prórrogas se otorgarán siempre que no se aprecien causas de caducidad del título vigente o se esté tramitando un procedimiento de caducidad del título concesional, en cuyo caso el procedimiento de prórroga se dejará en suspenso”. O procedemento de revisión da AAI de ELNOSA supón un xeito encuberto de prorrogarlle a concesión, polo que a Xunta debería deixar en suspenso a tramitación da revisión da AAI en tanto o Estado non resolva o expediente de caducidade da concesión.

Nun segundo bloque de alegacións, analizamos polo miúdo os tres documentos aportados pola fábrica para a revisión da AAI, o Proyecto para la revisión de la AAI, o Plan de desmantelamiento, e o Proyecto básico de descontaminación de suelos y aguas subterráneas en las instalaciones de ELNOSA en Pontevedra. Dedúcese da análise do primeiro deles, que o Proxecto presentado por ELNOSA precisa dun Informe de Avaliación Ambiental que non posúe, xa que -contrariamente ao que sostén a empresa- resulta de aplicación a Lei 21/2013. Así mesmo, o aumento do volume de vertido desde os 55.000 m3 actuais aos 100.000 m3 previstos no futuro, vai supor un aumento importante da contaminación orgánica (DQO, SS, N e P), o que afectará ao saneamento da Ría. Por outra banda, resulta totalmente irregular que ELNOSA fale de que vai realizar os vertidos ao través do emisario de Lourizán, xa que este emisario carece da necesaria concesión en terreos de dominio público.

Da lectura destes documentos, que teñen moitas lagoas e imprecisións, xorden moitas preguntas: ten ELNOSA concesión para o uso da auga do Lérez? De onde vai proceder o cloro para producir derivados nos 2,5 anos que levará instalar a nova tecnoloxía? Como se vai tratar o mercurio existente na fábrica e as instalacións que se van inutilizar, cargadas de mercurio?

Contrariamente ao proposto no Plan de desmantelamento, para nós o desmantelamento debería facerse coa fábrica parada e por persoal especializado. Entendemos, ademais, que existe un risco moi elevado de contaminación da Ría por mercurio e outros contaminantes nesta fase de desmantelamento.

O proxecto de descontaminación de solos e augas soterradas é especialmente lamentábel! En efecto, recoñécese que “posúen escaso coñecemento de cal debe ser a zona a descontaminar”, e afirman que “trala retirada das instalacións, deberíase facer un mostreo de solos que permita definir mellor a área a descontaminar. Resulta -ao noso entender- inxustificábel presentar un proxecto que queda a expensas de análises posteriores dos solos e augas soterradas. Por este simple feito debería invalidarse o proxecto na súa totalidade. Ademais, vaise facer mediante escavacións, o sistema menos aconsellábel tal como recoñece o equipo redactor do Informe.

Non figura en todo o proxecto ningún permiso para a realización destas e outras operacións, un aspecto que indubidabelmente debería terse solucionado con anterioridade. É claro que as obras de escavación e movemento de terras precisan da licencia do Concello de Pontevedra, e que resulta necesario posuír estes permisos con anterioridade ao inicio das actividades propostas.

Así pois, en base ás alegacións que temos considerado “de carácter xeral e previo”, solicitamos que se poña fin ao procedemento e que se tramite de novo pola vía do “cambio substancial”, e que, no caso de que non se admita a petición anterior, se proceda a denegar a revisión da AAI solicitada por ELNOSA en base ás demais alegacións formuladas ao longo dos 14 folios presentados.

Pontevedra, 10 de setembro do 2017

Ver nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print