A APDR presenta alegacións á captación de auga solicitada por ALTRI


Río Ulla Galicia 043

Luis Miguel Bugallo Sánchez (http://commons.wikimedia.org/wiki/User:Lmbuga), CC BY-SA 3.0 <http://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0/>, via Wikimedia Commons

 A “Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de presentar alegacións diante de Augas de Galicia para que se denegue a concesión solicitada pola empresa portuguesa ALTRI para a captación de auga do encoro de Portodemouros, no río Ulla.

Para a APDR resulta absolutamente inaceptábel que se someta a exposición pública un proxecto de captación de auga separadamente do proxecto industrial que leva aparellado, un proxecto que supón a construción dunha fábrica de produción de celulosa solúbel e outra que, a partir desta celulosa, fabricaría fibra téxtil do tipo Lyocell, e do que se descoñece a práctica totalidade dos aspectos técnicos a utilizar no proceso industrial. Hai que sinalar que este proxecto podería non chegar a instalarse nunca, ben pola falta de financiamento público, ben por non pasar no seu día os trámites legais esixidos.

Máis alá dos problemas ambientais e socioeconómicos que provocaría por si mesma a instalación da infraestrutura solicitada, hai que ter en conta os derivados da instalación do complexo fabril ao que alimentaría. Porque a captación de auga é parte inseparábel dun complexo industrial único e, neste sentido, a lexislación esixe que sexa sometido a exposición pública na súa integridade para que se teñan en conta os verdadeiros impactos ambientais do proxecto completo que, convén non esquecer, serán moi superiores a aqueles que resulten da suma dos impactos de cada unha das partes do proxecto por separado, xa que -neste último caso- óbvianse os efectos sinérxicos que se producen ao consideralo como o que realmente é, un único proxecto.

Este proxecto, tanto no que fai á captación de auga agora sometida a exposición pública como o que vai ter no seu conxunto, afectará negativamente ao medio ambiente, á paisaxe e á economía da zona onde se pretende instalar (nos Concellos de Agolada, Santiso e Palas de Rei), pero tamén á bacía do Ulla e mesmo á Ría de Arousa (que verá afectada a explotación da pesca e o marisqueo tradicionais) e ao monte galego, que sufrirá un novo pulo eucaliptizador, con todas as consecuencias negativas que implica no sector forestal e agrícola galegos.

Ao longo de nove documentadas alegacións, a APDR desenvolve de forma pormenorizada todos os aspectos que se verán comprometidos coa instalación deste macro-proxecto de ALTRI para, finalmente, en base aos criterios expostos, esixir á Administración galega que denegue a concesión solicitada.

Para a APDR, que -con independencia do percorrido que poidan ter as alegacións presentadas- vai seguir loitando para conseguir a paralización do proxecto de ALTRI por consideralo altamente prexudicial para o desenvolvemento racional dos sectores económicos tradicionais do Val do Ulla, da Ría de Arousa e do pobo galego no seu conxunto, a información rigorosa sobre este proxecto e a mobilización social, rematarán por facer imposíbel esta barbarie que prima os intereses duns poucos fronte aos dereitos do conxunto da poboación.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print