Segundo recollen algúns medios de difusión, este mércores 21 vaise celebrar a primeira reunión da mesa de traballo sobre o futuro de ENCE, unha mesa que -en principio- estará constituída por representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica y para el Reto Demográfico, a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a empresa ENCE, representada de forma dupla, tanto pola dirección empresarial como polo comité de empresa.
Para a APDR esta mesa non pode supoñer un subterfuxio para permitirlle a ENCE continuar en Lourizán, unha pretensión da empresa e da Xunta de Galicia, porque iso sería recoñecer o dereito a unha prórroga que, tanto a Ley de Costas como a Ley de Patrimonio de las Administraciones Públicas, impiden expresamente, pero tamén dar ao traste co dereito da cidadanía a recuperar o dominio público que lle pertence.
E témonos que reiterar na denuncia da mensaxe mentireira do representante da Xunta nesa mesa, o Conselleiro de Economía, que insiste en esixir a supresión do artigo 18 da Ley de Cambio Climático, ao que atribúe unha capacidade que non ten; atrévese a dicir o Sr. Conde que “non podemos ter unha lei que establece unha data de peche da empresa ENCE”, demostrando un total desprezo polo dominio público e -o que resulta aínda máis grave- polo cumprimento das Leis de Costas e Patrimonio xa amentadas.
Desde a APDR animamos ao Ministerio e ao Concello de Pontevedra a non ceder na defensa do dominio público e a lei fronte a quen queren favorecer os intereses ilexítimos de ENCE. Porque ningunha empresa, por moi apoiada que estea polo goberno autonómico, pode pasar por riba da lei, que fixa en 75 anos o máximo tempo de permanencia en dominio público (incluídas prórrogas) e que limita o uso do dominio público marítimo-terrestre para aquelas instalacións ou actividades que, pola súa natureza, teñan que estar neste emprazamento, unha circunstancia que non é de aplicación no caso de ENCE.