Denunciamos un novo vertido na Ría


Na mañá de hoxe domingo 7 de febreiro, puidemos observar un rechamante vertido á Ría, saíndo entre as pedras do lateral da autovía a Marín, na zona do novo paseo peonil e nas inmediacións da fábrica de celulosas (ver video).

Evidentemente, na Asociación Pola Defensa da Ría e en tanto non teñamos información veraz sobre o particular, non imos achacar a ninguén a responsabilidade do vertido; descoñecemos no momento actual a natureza e a procedencia do vertido, pero sexan cales sexan unha e outra circunstancias, resulta absolutamente incomprensíbel que se sigan producindo vertidos deste tipo á Ría, e máis nunha zona que ten no marisqueo a súa razón de ser e o traballo de moitas mulleres e homes que dedican os seus esforzos ao marisqueo.

E, coa prudencia que vimos de expoñer, preguntámonos se máis unha vez se trata dun vertido da empresa ENCE, ben como consecuencia dun mal funcionamento no proceso produtivo ou ben pola realización de obras no recinto fabril (obras para as que ENCE adoita non solicitar ningún dos permisos preceptivos), ou se a responsabilidade é dalgunha das obras realizadas na zona e polo  arrastre de terras como consecuencia do arrastre pola auga da choiva.

Sexa cal sexa a procedencia, desde a APDR esiximos que desde o Concello e a Xunta de Galicia se abra a correspondente investigación, perseguindo aos responsábeis deste vertido e, no seu caso, aplicando as correspondentes sancións.

Reiteramos a nosa vontade de seguir denunciando a existencia de vertidos á Ría e aos ríos que a conforman, e animamos ás persoas que sexan testemuñas deste tipo de vertidos ou de calquera outra agresión medio ambiental na nosa comarca a comunicar os feitos aos organismos oficiais con competencia na defensa do medio e/ou á nosa asociación.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print