A EDAR de “Os Praceres” e o saneamento da ría


Na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) temos perdido xa a conta de cantos plans de saneamento da Ría se teñen elaborado nos últimos 30 anos pero, con seguridade, non foron poucos; porén, a situación non semella ter mellorado. De feito, á Unión Europea admitiu a denuncia interposta desde a nosa Asociación e condenou ao Estado español polo incumprimento da Directiva 91/271/CEE de augas residuais urbanas vertidas á nosa Ría.

Agora, a Xunta de Galicia disponse a acometer un novo plan de saneamento que, nunha primeira fase, consiste na “mellora” da actual EDAR de Os Praceres e a construción dun novo emisario e á que desde a APDR temos alegado no seu día por considerar que non vai resolver o problema dos vertidos á Ría, obxectivo supostamente perseguido.

En primeiro lugar porque coa tecnoloxía elixida -así o admite a Memoria presentada pola Xunta de Galicia- non vai ser posíbel rebaixar os niveis de nutrientes (nitróxeno e fósforo) que evite a condena imposta pola Unión Europea, pero tamén porque o novo emisario, tanto polo seu trazado coma polo punto de vertido final proposto, vai ter un impacto importante sobre os recursos marisqueiros, as augas de baño e as praias da contorna. Finalmente, porque manter o actual emisario para os vertidos da empresa ENCE, vai supoñer manter tamén a incidencia destes vertidos na calidade das augas de baño e cultivos mariños e sobre o borde litoral da illa de Tambo.

Debemos lembrar que, no seu día, vendéusenos a actual EDAR e o tubo emisario hoxe existente coma a solución definitiva aos problemas do saneamento da Ría, optándose por unha tecnoloxía e un trazado do emisario que suscitaron daquela un importante número de voces discordantes (entre elas a nosa) e que, co paso do tempo, demostráronse ineficaces. E na APDR temémonos que se volva repetir a situación!

Pero, ademais, esta primeira fase, está concibida coma un “parche” previo a unha segunda fase que implica a ampliación da EDAR, unha ampliación que se presenta como a única solución posíbel, que está condicionada en boa medida polas decisións técnicas adoptadas agora, e para a que vén de publicarse consulta pública na Avaliación de Impacto Ambiental (AIA).

De acordo co recollido nos medios de comunicación, a obra da ampliación da EDAR iniciaríase no ano 2021 e faríase sobre os terreos de dominio público que ocupa ENCE, polo que a Xunta vai precisar do permiso de Costas do Estado; e a obra levaría aparellada a construción dun campo de fútbol, unha instalación que -contrariamente ao proposto agora- tería que ser acometida por ENCE
en cumprimento da resolución do expediente de caducidade da súa concesión e que non debería instalarse nos terreos agora elixidos.

E fronte a unha EDAR única, proponse desde algúns sectores a instalación de varias pequenas depuradoras, unha alternativa que, segundo os casos, podería ser tan válida coma a ampliación pero que -con seguridade, e polas malas experiencias previas- atoparíase coa oposición veciñal.

Para a APDR, a solución pasa por evitar a entrada á EDAR de augas que non deberían chegar a ela (as pluviais e as da Ría), buscar alternativas para as procedentes de Poio, Vilaboa, o polígono do Campiño e o porto, e adoptar unha tecnoloxía que, sen ocupar grandes superficies de terreos, permita que os vertidos que saian da EDAR de Os Praceres cumpran a lexislación á entrada do emisario, o que ao noso entender pódese conseguir sen a ampliación proposta. E tampouco concordamos coa necesidade de dous emisarios; optamos por un emisario único que -namentres non se produza a saída de ENCE da Ría- recolla os seus vertidos e os domésticos establecendo, tal coma esixe a lexislación, un control estrito dos parámetros de vertido de cada un dos efluentes.

Chamar a atención por último sobre dous temas que a Xunta debería ter en conta á hora de tomar decisións: a evidencia da progresiva subida do nivel do mar nesa zona, consecuencia do inevitábel cambio climático, e a tamén inevitábel saída de ENCE da Ría, que debería supoñer a recuperación deses terreos para uso e disfrute da cidadanía.

En calquera caso, desde a APDR imos participar na consulta da AIA agora proposta e agardamos á preceptiva exposición pública do anteproxecto proposto para a ampliación da actual EDAR para, daquela, expresar as nosas posicións concretas sobre tal proxecto.

 

♦ Ver tamén: http://www.apdr.info/wp/2018/05/24/a-apdr-oponse-aos-plans-de-saneamento-da-xunta-para-a-ria-de-pontevedra/

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print