Vertido no Lérez


De acordo coa denuncia dun veciño de Pontevedra, que nos fai chegar unhas fotos, días atrás produciuse no río Lérez, á altura da ponte dos Tirantes, un vertido branco con aspecto escumoso, coma se se tratase de xabrón. E aínda que descoñecemos a procedencia do amentado vertido e a súa composición, desde a APDR -que agradece ao veciño que se teña posto en contacto coa nosa Asociación- queremos denunciar tamén esta nova agresión ao Lérez e á Ría, unha agresión que se vén repetindo desde hai xa demasiado tempo nese mesmo punto e noutros ao longo das beiras do Lérez e do río Gafos e que deixa ver que o saneamento da nosa Ría (da que forman parte os ríos que a conforman) dista moito de seren o que debera.

Desde a APDR temos que recoñecer que a situación do saneamento na nosa vila ten mellorado verbo doutras situacións anteriores, onde a mortaldade de peixes en canto se daban situacións de elevadas temperaturas e baixo caudal do Lérez, era unha constante, pero -e tal como temos denunciado en moitas ocasións- para nada se pode dicir que os problemas dos vertidos aos nosos ríos e á Ría estean resoltos. Mentres se sigan producindo situacións como as que denuncia agora este veciño, mentres sigan existindo vertidos incontrolados aos ríos e á Ría, mentres sigan existindo vertidos domésticos ou industriais sen depuración ou cunha depuración deficiente, mentres as redes do saneamento segan sendo ineficientes e as depuradoras non consigan que as augas que verten á Ría acaden os límites legais esixidos, o saneamento da Ría seguirá sendo parcial e a calidade das súas augas seguirá sen reunir as condicións esixíbeis para os cultivos mariños e para o baño.

E esta situación témola denunciado desde a APDR en moitas ocasións; de feito, a sanción que pesa sobre o Estado español -e, xa que logo, sobre a Xunta de Galicia- polo incumprimento na nosa Ría da Directiva comunitaria 91/271/CE, que inclúe TODOS os vertidos á Ría, con independencia da súa orixe e da súa natureza doméstica e/ou industrial, é resultado da denuncia interposta pola nosa Asociación hai xa 20 anos. E seguimos denunciando que a situación non se resolve cun novo emisario, ao que fixemos numerosas alegacións; por iso foi tamén a nosa asociación quen presentou -en solitario, xa que non houbo ningún outro colectivo social que o teña feito- alegacións contra as obras de ampliación da depuradora de Os Praceres, porque -entre outras cousas- non garanten o cumprimento da lexislación ambiental en materia de vertidos.

Xa por último, queremos reiterar o noso agradecemento a este veciño pola súa preocupación polo medio ambiente e que se teña posto en contacto coa APDR, e esiximos que se tomen todas as medidas necesarias para que vertidos coma este non se volvan repetir; que se persigan estes feitos, se localicen os seus responsábeis e se apliquen as sancións dispostas para estes casos.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print