Asemblea aberta da APDR do 09 de abril


O pasado martes 9, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) celebrou no Instituto Valle Inclán, unha asemblea aberta para explicar á cidadanía o alcance da decisión da Dirección Xeral de Costas de achantarse nos recursos interpostos diante da Audiencia Nacional pola Asociación, o Concello de Pontevedra e Greenpeace contra a concesión da prórroga de 60 anos a ENCE polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.

Cun Paraninfo absolutamente ateigado de xente, o que obrigou a habilitar a segunda planta do local, o avogado Vicente Legísima explicou os pormenores do procedemento seguido pola APDR desde a concesión da prórroga e os posíbeis escenarios que se presentan en función da decisión última da Audiencia Nacional nos recursos hoxe en tramitación. Logo dunha análise pormenorizado do informe da avogacía do estado, das razóns legais e o soporte xurisdicional que xustifica a toma da decisión de non defender ao Estado fronte ás nosa peticións de anulación da prórroga, comparou este documento co presentado no seu día polo goberno do PP para tratar de xustificar a decisión que agora se demostra contraria á Lei, un informe que se limita a copiar os artigos da Lei 2/2013 de protección e uso sostíbel do litoral e de modificación da Lei de Costas do 1988, sen ningún tipo de soporte xurídico e non dubidou en cualificar de “feito á medida das necesidades da empresa ENCE”.

Pola súa banda, o presidente da APDR, Antón Masa, insistiu na importancia da nova situación que se abre trala decisión de Costas, unha decisión que pode supoñer o fin definitivo da actividade de ENCE na Ría e un importante avance para o saneamento da Ría, e que se concreta na constatación de que a prórroga foi ilegal porque a lei impide a calquera instalación permanecer en dominio público marítimo-terrestre máis de 75 anos, e que calquera prórroga está limitada ás instalacións que, pola súa natureza, non podan emprazarse fóra de dominio público, circunstancia que non se produce no caso de ENCE.

Clarexouse na asemblea que “non se trata -como pretende facer crer algunha xente- de que nos guste ou non o seu emprazamento en Lourizán ou de que cumpra ou non a lexislación ambiental; trátase de que, por lei, ENCE non pode continuar na Ría porque as concesións en dominio público réxense por unhas condicións que as empresas coñecen e teñen que cumprir”. E falouse tamén do que é a inseguridade xurídica, á que apela ENCE para tratar de confundir á poboación, que non se da neste caso, no que realmente se ten demostrado a ilegalidade dunha decisión anterior que hai que corrixir. E fronte a esta demanda da empresa, a asemblea apelou ao dereito a recuperar a Ría para a explotación racional dos seus recursos e á diversificación dos usos dun monte hoxe inzado de eucaliptos por mor dunha política forestal errada e ditada desde a cúpula da pasteira, esixindo ao tempo á empresa que asuma a súa Responsabilidade Social Empresarial, unha doutrina amplamente admitida no mundo da empresa e que obriga a asumir as demandas da cidadanía, unha doutrina que é contraria ao chamado “compromiso coa cidadanía” co que ENCE tenta mercar vontades e silencios -cando non o apoio explícito e entusiasta á permanencia da fábrica na Ría- por parte de quen reciben estas esmolas. Neste sentido, cualificáronse de incomprensíbeis as declaracións das cúpulas dirixentes das confrarías de mariscadoras que, lonxe de defender o seu traballo na Ría esixindo a recuperación da calidade das súas augas, achacan á presenza de ENCE o aumento na produción de marisco nos últimos tempos.

Logo dun animado colóquio, no que se formularon moitas preguntas e dúbidas sobre o posíbel desenlace da situación, reafirmándose a necesidade de seguir loitando polo fin da actividade de ENCE na Ría -un obxectivo que semella máis perto que nunca-, e no que xurdiron moitas ideas para posíbeis accións a desenvolver pola asociación a curto e medio prazo (das que iremos dando conta oportunamente), pechouse unha asemblea que supuxo unha importante inxección de entusiasmo e forza para abordar un novo período de loita que sabemos duro pola presión social e mediática que ENCE e o PP desde a Xunta de Galicia están a exercer, pero que, con seguridade, rematará por dar os froitos perseguidos.

Escoita os vídeos e mira a galeria de fotos. (Ver abaixo)

Ver galería de fotos no faceboock da APDR.

Ver abaixo vídeos da Asemblea:

Video da entrada ao salón de actos

Vídeo 1

Vídeo 2

Vídeo 3

Vídeo 4

Vídeo 5

Vídeo 6

Vídeo 7

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print