O Partido Popular pide á Deputación que prevarique!


PP.PBTemos que recoñecer que nos custou crer que fose certo o que estabamos a ler! O Partido Popular pídelle á Deputación de Pontevedra que impida o peche da actividade de ELNOSA en Lourizán, un peche que vén dado polo fin da concesión e pola actitude da empresa, que se negou de forma sistemática a buscar solucións cando o podía ter feito, e que -cando menos pola vía legal- xa non é posíbel evitar; pídelle á Deputación que fale con Costas e coa empresa para ver o xeito de pasar por riba da Lei! Noutras palabras, pídelle á Deputación que trate de convencer ao goberno para que prevarique!

Pero debemos recoñecer tamén que tardamos ben pouco en decatármonos de que estabamos a ler ben; porque este mesmo partido foi o que tratou de negociar coa Deputación (e representando a ENCE) o traspaso do Pazo de Lourizán á empresa pasteira! Porque foi tamén quen concedeu, de forma obscena e irregular (e, moi probabelmente, tamén ilegal!) unha prórroga de 60 anos a ENCE logo de decidir que non había razóns para decretar a caducidade da concesión, unha decisión que o goberno do PSOE debería revisar de oficio sen máis dilación.

Porque no tocante ao complexo industrial ENCE-ELNOSA, o Partido Popular, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o goberno central, veu actuando sempre cunha absoluta submisión aos intereses empresariais, permitíndolle o incumprimento sistemático e continuado da lexislación e mesmo mudando as leis no seu beneficio particular.

Porque este Partido Popular é o mesmo que fala por boca de ENCE e ELNOSA cando defende que estas empresas cumpren escrupulosamente a “estrita lexislación ambiental galega, española e europea”, unha afirmación que só é posíbel manter desde a absoluta ignorancia ou simplemente desde posicións interesadas na defensa dos privilexios económicos destas empresas.

Desde a APDR reiteramos a esixencia ao goberno do PSOE para que cumpra a Lei e decrete xa, este 29 de xullo, a caducidade definitiva da concesión de ELNOSA en Lourizán. E demandamos tamén, que inicie, desde a Dirección Xeral de Costas e pola vía administrativa, a revisión da prórroga de ENCE, unha revisión que debe dar lugar ao fin da actividade da fábrica de pasta de papel e ao inicio dun futuro de progreso económico, social e ambiental para Pontevedra e a comarca.

Descargar noticia

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print