A APDR solicita ao ‘Ministerio de Transición Ecológica’ que se teña por finalizada a concesión de Elnosa en Lourizán


marcha.010-d

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), vén de solicitar a Costas do Estado (ao través da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar), que aplique a Lei e decrete de forma inmediata o fin da concesión de ELNOSA en Lourizán con data do 29 de xullo pasado, data na que concluíron os 30 anos outorgados pola Lei de Costas de 1988, un feito que para a APDR non admite discusión.

Entende a APDR que calquera “prórroga tácita” da concesión (situación que se desprende das recentes declaracións do Goberno español que, en boca da Subdelegada en Pontevedra, fixaba o fin da concesión na data en que remate o expediente de caducidade aberto en abril do 2017), é contraria á lexislación actual, xa que, rematada a concesión, non hai ningunha norma que ampare tal prórroga. E resulta este feito dunha especial transcendencia e gravidade.

Solicita a APDR que, unha vez dada por finalizada a concesión, se lle comunique a ELNOSA esta circunstancia así como o arquivo do expediente de solicitude de prórroga, ao non existir ningunha posibilidade de prorrogar a concesión unha vez ten rematado o prazo “por ministerio da Lei”. Debe indicárselle, tamén, as obrigas contraidas pola empresa á finalización deste prazo.

Polo que fai ao expediente de caducidade (que descoñecemos ao se nos denegar, de forma contraria á doutrina dos actos propios da Administración e ao principio de seguridade xurídica, a condición de parte interesada), entende a APDR que deberá conter copia da resolución pola que se lle comunica a ELNOSA o fin da concesión, solicitando -de forma subsidiaria- que se teña á asociación como parte interesada en tal procedemento administrativo.

Descargar nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print